
O Concello de Ames pon en marcha por noveno ano consecutivo os Premios Lingua e Empresa, co obxectivo de recoñecer o uso e fomento da lingua galega na actividade empresarial. Poderán optar a este recoñecemento todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que presenten a súa candidatura antes do 20 de novembro. A dotación económica dos dous premios que se outorgan en cada unha das dúas categorías é de 1.500 euros.
A Casa do Concello de Ames acolleu hoxe a presentación da nova convocatoria, nun acto no que estiveron presentes o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras; e varios representantes de Xuntanza de Empresarios de Ames: Jorge López, Germán Mariño, Olaia Alvite e Beatriz López.
Os aspectos que se valoran para a concesión deste recoñecemento son a utilización do galego na comunicación interna e externa, tanto oralmente como por escrito, e o impacto que a actividade da empresa poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.
Teranse en conta a páxina web e as redes sociais da empresa, se as utilizase, así como as campañas publicitarias ou materiais promocionais que empregue en calquera soporte. Tamén se valorará a sinaléctica e a comunicación do establecemento empresarial de cara á clientela (uso habitual do galego co seu público e nas súas actividades e servizos), así como entre o persoal e os diversos departamentos (se os houbese).
Para a comprobación deses méritos, as empresas candidatas deberán achegar os enlaces de información web correspondentes ou achegar materiais impresos, ademais de facilitar ao Concello toda a información que se lles requira sobre a súa comunicación interna e externa.
Categorías e dotación económica

A novena edición dos premios divídese, un ano máis, en dúas categorías. A primeira engloba ás empresas que teñen un uso consolidado e estable do galego dende hai máis de dous anos, mentres que a segunda recoñece a todas aquelas que naceron nos últimos dous anos ou que incorporaron o galego nese período. En ambos os casos a data que se toma como referencia é o 20 de novembro de 2024. As empresas que mudaron os seus usos lingüísticos para incorporar o galego deben acreditar os ditos cambios.
A dotación económica será de 3.000 euros, 1.500 para cada unha das categorías. Ademais, as gañadoras contarán cunha campaña de difusión en Ames Radio, a emisora municipal do concello.
Gala de entrega de premios
A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o luns, 14 de decembro, a gala de entrega de premios. Segundo dixo a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, o máis importante da gala é que serve como “un encontro entre empresas moi diversas do concello de Ames, que forman parte da rede empresarial do municipio. A estes premios poden concorrer desde grandes empresas cun centro de actividade en Ames ata calquera persoa autónoma ou pequeno negocio. É un gala aberta, para que poida asistir calquera persoa que o desexe, e que conta cunha actuación. Nesta gala, antes non, é cando se desvelan as empresas recoñecidas polo xurado”.
Prazos de presentación das novas candidaturas
O prazo de presentación de novas candidaturas remata o día 20 de novembro de 2026 ás 14:00 horas.
As persoas interesadas deberán descargar e cubrir a ficha de participación que se pode atopar atopar xa na Rede e enviala ao correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, xunto coa documentación correspondente, ou presentala de xeito telemático a través da Sede electrónica do Concello de Ames.
