
A Xunta de Galicia impulsará a teledermatoloxía coa aplicación móbil SERGAS PROF, deseñada para facilitar o traballo dos profesionais sanitarios e permitir a captura de imaxes dermatolóxicas desde o teléfono móbil, coa súa incorporación directa á historia clínica dos pacientes.
O Servizo Galego de Saúde porá en marcha esta plataforma corporativa para achegar ferramentas dixitais aos profesionais no lugar onde prestan asistencia, tanto nos centros sanitarios como no domicilio dos pacientes.
O desenvolvemento da aplicación supón un investimento de 207.599 euros, financiados con fondos europeos no marco da Atención Dixital Personalizada e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
A teledermatoloxía será o primeiro servizo dispoñible. A aplicación permitirá aos profesionais de atención primaria captar imaxes dermatolóxicas e completar desde o dispositivo móbil os procesos de identificación, envío, transformación e almacenamento nos sistemas corporativos do Sergas. As fotografías quedarán vinculadas ao paciente e integradas no ecosistema dixital sanitario, de xeito que os especialistas en dermatoloxía poderán consultalas posteriormente a través da historia clínica electrónica.
A solución busca reforzar as capacidades da atención primaria e mellorar a coordinación cos servizos hospitalarios de dermatoloxía, ademais de facilitar a dispoñibilidade e o seguimento da información clínica.
Intelixencia artificial para mellorar as imaxes e apoiar o diagnóstico
SERGAS PROF está preparada para incorporar progresivamente ferramentas de intelixencia artificial. Unha das primeiras aplicacións previstas permitirá comprobar a calidade das imaxes no momento da captura, co obxectivo de axudar os profesionais a obter fotografías adecuadas para a súa valoración clínica.
As imaxes almacenaranse en formato DICOM, un estándar internacional para o manexo, almacenamento e transmisión de imaxes médicas e dos datos asociados. Esta decisión favorecerá a interoperabilidade e preparará a plataforma para incorporar no futuro algoritmos de intelixencia artificial que sirvan de apoio ao diagnóstico e sexan compatibles con este estándar.
A nova ferramenta tamén modernizará o procedemento actual de teledermatoloxía, baseado no uso de cámaras dixitais incorporadas hai anos e que quedaron obsoletas, con limitacións para integrar as imaxes na rede corporativa coa calidade necesaria. SERGAS PROF concentrará nun único dispositivo móbil a captura das fotografías, o rexistro dos datos do estudo e a integración da información no proceso asistencial.
Proxectos piloto en Pontevedra, Vigo e Santiago
A implantación será progresiva e comezará en outubro no centro de saúde Virxe Peregrina, na área sanitaria de Pontevedra. En novembro está prevista a incorporación dos centros de saúde de Sárdoma, en Vigo, e de Vite, en Santiago de Compostela.
Entre outubro e decembro desenvolverase unha fase de acompañamento aos profesionais, seguimento do uso da aplicación, identificación de posibles melloras e resolución de incidencias. Os resultados e a experiencia dos usuarios avaliaranse en decembro, mentres que a extensión desta funcionalidade está prevista entre xaneiro e marzo de 2027.
SERGAS PROF nace como unha plataforma móbil preparada para incorporar novos servizos e funcionalidades máis alá da teledermatoloxía. A iniciativa pretende facilitar a telemedicina e a mobilidade dos profesionais mediante dispositivos sinxelos de utilizar e de tamaño reducido.
O proxecto intégrase no Plan de transformación e saúde dixital da Consellería de Sanidade, que inclúe entre as súas prioridades mellorar a comunicación entre profesionais, impulsar a telemedicina e incorporar tecnoloxías emerxentes como a intelixencia artificial.
