
A Fundación Carlos Casares convocou a III edición do certame de videoxogos Dende o galego, con humor, un concurso destinado a crear prototipos de videoxogo con versión en galego para a promoción e dinamización da lingua no sector. O tema darase a coñecer o domingo 29 de novembro, e ese mesmo día comeza o prazo de desenvolvemento, que remata o 12 de decembro ás 23:59 horas. A inscrición é gratuíta e está aberta do 26 de outubro ao 12 de decembro na páxina da iniciativa na plataforma itch.io.
Obxectivo e finalidade da proposta
A Fundación Carlos Casares vén desenvolvendo no seu labor habitual accións de normalización e dinamización da lingua galega en diversos sectores. Este ano centráronse sobre todo en exposicións como Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares, un concurso de memes polo galego ou unha game jam para escolares…
No caso concreto da game jam para indies, a finalidade é “permear a literatura, a lingua e a cultura galegas no sector dos desenvolvedores, promover o uso da lingua galega e apoiar a profesionalización do sector do videoxogo en Galicia”.
Formato creativo
A fundación lembra que unha game jam é un concurso no que os equipos crean un xogo desde cero en poucos días, arredor dun tema que non coñecen ata o comezo da competición. Esta edición é en liña, polo que se pode participar dende calquera lugar.
Explican que pode participar calquera persoa maior de 18 anos, soa ou en equipos de ata tres persoas (polo menos unha persoa de cada equipo debe residir en España).
A convocatoria está aberta a todo tipo de perfís: programación, arte, deseño de xogos, guión, música, son ou localización, entre outros.
Para inscribirse hai que unirse á jam en itch.io a partir do 28 de outubro e enviar un correo a fundacioncarloscasares@fundacioncarloscasares.org cos datos do equipo.
Cada equipo debe crear durante a jam (do 29 de novembro ao 12 de decembro) un prototipo co que xogar para navegador ou para Windows e publicalo en itch.io con acceso gratuíto. O xogo pode estar en calquera lingua, pero ten que incluír unha versión en galego, que é a que avalía o xurado.
As bases non permiten usar intelixencia artificial xenerativa para crear ningún elemento do xogo.
Un xurado de cinco persoas expertas en videoxogos, que se dará a coñecer antes do comezo da jam, valorará a adecuación ao tema, a narrativa e a lingua, a estética, a xogabilidade e a accesibilidade, a orixinalidade e a integración do conxunto. Aspectos como o humor e as medidas accesibles terán unha puntuación adicional. Os resultados e o fallo do xurado publicaranse o 18 de decembro.
A jam conta co patrocinio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Deputación da Coruña, dentro do proxecto Dende o galego, con humor, e coa colaboración de Videoxogo.gal, Culturgal, Lua Gaming e a ETIV + Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI).
A segunda edición, en decembro de 2025, tivo como tema o universo narrativo de Un polbo xigante, de Carlos Casares. O primeiro premio foi para Augardentía (Antía Roig, Alba Barbadillo e Eduardo Rodríguez Poch). O segundo premio foi para Un polbo xigante. Lembranzas dende o tren (Álvaro Ezequiel Martos, Andrea Victoria Salgado e Manuel Sanjurjo). O terceiro premio foi para Lusdeghás (Carolina Fernández e Jacobo Pérez).
Premios
A jam reparte 600 euros en premios en metálico: 300 euros para o primeiro posto, 200 para o segundo e 100 para o terceiro.
Ademais, o xurado escollerá os dous xogos máis relevantes culturalmente para continuar o seu desenvolvemento en 2027. Se aceptan o premio, eses dous equipos recibirán: a alta e a cota de 2027 na Asociación Videoxogo.gal para unha persoa do equipo; o pagamento da taxa de Steam Direct para publicar o xogo en Steam; a ilustración da capsule art, a imaxe principal do xogo na tenda, feita por un profesional; cinco horas de mentoría personalizada con Concepción González Agulla; ata 100 euros en desprazamentos para asistir a feiras e eventos de videoxogo en Galicia; espazo para mostrar o xogo en feiras e eventos de Culturgal, Videoxogo.gal e Lua Gaming; e corrección lingüística e apoio para a localización ao inglés, da man da ETIV.
