
Spotify estrea en 34 mercados, entre eles España, unha nova función de subscricións para pódcasts que permite ofrecer episodios exclusivos, acceso anticipado e outras vantaxes a cambio dunha cota recorrente. Os creadores poderán conservar o 90 % dos ingresos xerados por esta vía.
A nova función, denominada Memberships, intégrase nas páxinas dos programas de Spotify e permite aos oíntes acceder aos contidos exclusivos sen saír da aplicación. Tanto os usuarios da modalidade gratuíta como os subscritores de Premium poderán consultar as opcións dispoñibles e contratar as subscricións nos mercados compatibles.

Os creadores terán liberdade para definir as vantaxes que ofrecen aos seus seguidores. Entre as posibilidades figuran episodios de audio ou vídeo exclusivos, contidos adicionais, acceso anticipado ás publicacións, menos anuncios e acceso ao arquivo do programa. Tamén poderán combinar diferentes beneficios en varios niveis de subscrición, con prezos distintos.
A integración inclúe ferramentas para promover as subscricións mediante campañas dirixidas e períodos de proba gratuítos, ademais de estatísticas para analizar as altas. Os creadores tamén poderán exportar datos dos seus membros, incluída a información de contacto dos usuarios que decidan compartila. Os seguidores, pola súa banda, poderán amosar distintivos ao comentar episodios, mentres que os responsables dos programas terán a opción de dar a benvida aos novos membros mediante vídeos.
A iniciativa amplía as opcións de monetización dispoñibles en Spotify, que xa inclúen a publicidade, os patrocinios e o Spotify Partner Program. Buscan así facilitar a creación de ingresos recorrentes directamente dos seguidores, sen depender unicamente dos ingresos publicitarios.
Para acceder a Memberships, os programas deben estar aloxados en Spotify for Creators ou Megaphone e cumprir uns requisitos mínimos: contar con tres episodios publicados, acadar 100 oíntes ou espectadores e sumar 100 horas de consumo en Spotify durante os 30 días anteriores. O servizo está dispoñible inicialmente en 34 mercados, entre eles España, Portugal, Francia, Alemaña, Italia, o Reino Unido, Estados Unidos, Canadá e Australia.
