
A tecnolóxica Nunsys Group, firma nacional centrada na innovación e a transformación dixital, deu a coñecer onte ás cinco beneficiarias do programa de Becas Sof.ia by Nunsys Group, unha iniciativa de responsabilidade social corporativa destinada a impulsar o talento feminino e as vocacións STEM. A convocatoria recibiu máis de medio centenar de candidaturas procedentes de toda España. A alumna Alejandra Lombardía, da UDC, é unha das 5 beneficiadas e está cursando o Grao en Intelixencia Artificial na Facultade de Informática.
As beneficiarias, seleccionadas en función dos criterios de excelencia académica detallados nas bases reguladoras, son: Cristina Bastida, Diana Bellod, Alejandra Lombardía, Isabel Huertas e Leire Vides. Todas elas acaban de iniciar os seus estudos en diferentes universidades da súa elección: Bastida e Bellod cursarán o Grao en Matemáticas na Universidade de Zaragoza; Lombardía estudará o Grao en Intelixencia Artificial na Universidade da Coruña; Huertas realizará o Dobre Grao en Enxeñaría de Telecomunicación e Administración e Dirección de Empresas da Universitat Politècnica de València; e Vides iniciará o Grao en Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produtos tamén na UPV.
Alsira Salgado, vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da Universidade da Coruña, salientou “a colaboración entre universidade e empresa constitúe unha vía para reforzar o acceso das mozas a titulacións estratéxicas para o futuro tecnolóxico. Este tipo de iniciativas contribúen a atraer e consolidar talento feminino en titulacións STEM”.
As bolsas contan co apoio do tecnolóxica TD SYNNEX e a colaboración de sete universidades públicas españolas: Universidade de Castela-A Mancha, Universidade da Coruña, Universitat Jaume I de Castellón, Universidade de León, Universidade Pablo de Olavide de Sevilla, a Universitat Politècnica de València e a Universidade de Zaragoza. Esta rede académica permitiu ampliar o alcance territorial do programa e ofrecer ás candidatas distintas opcións de formación especializada en disciplinas científicas e tecnolóxicas.
Cada unha das beneficiarias terá cubertos os gastos de matrícula de ata os dous primeiros cursos universitarios. Ademais, contan cun acompañamento individualizado baseado en sesións trimestrais de mentoría con profesionais de Nunsys Group para abordar cuestións relacionadas coa toma de decisións formativas, o desenvolvemento profesional e o coñecemento do mercado laboral. E unha vez superado o primeiro ciclo académico, poderán acceder tamén a prácticas formativas remuneradas nalgunha das delegacións que a compañía posúe en toda España.
Deste xeito, Nunsys Group consolida a súa aposta por reducir a fenda de xénero no sector tecnolóxico, buscando converter o apoio á formación nun itinerario de desenvolvemento académico e profesional que favoreza a incorporación de máis mulleres á ciencia, a enxeñería e a tecnoloxía.
Fundada en 2007 con capital 100% nacional, Nunsys Group é unha compañía especializada na implantación de solucións integrais de tecnoloxía. Realiza proxectos de infraestruturas, comunicacións, sistemas, transformación dixital, desenvolvemento de software, ciberseguridade, industria dixital, audiovisuais e formación, dirixidos tanto a empresas privadas como a entidades públicas.
Na actualidade, Nunsys Group está integrada por preto de 2.800 profesionais cunha ampla experiencia no sector TIC, e atende a máis de 8.000 clientes nacionais e internacionais a través da súa rede de 27 delegacións en España e as súas oficinas en Andorra, Lisboa (Portugal), Medellín (Colombia) e Washington DC (EEUU).
