
O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de actualizar o contido do seu programa de acción (misión, visión e valores), reforzando a súa aposta por “unha investigación de excelencia en tecnoloxías intelixentes orientada ao ben común”.
A nova misión do CiTIUS incorpora “expresamente” a dimensión humana das tecnoloxías intelixentes ao longo de todo o seu ciclo de vida, desde a súa concepción ata a súa utilización, así como a investigación das súas consecuencias sobre as persoas, a economía e a sociedade. “Trátase”, explican dende o centro dirixido por Senén Barro, “de avanzar non só no desenvolvemento de tecnoloxías máis intelixentes, senón tamén na comprensión e ampliación das súas posibilidades, así como na anticipación e no control dos seus riscos”.
Esta aposta reflíctese tamén na súa renovada visión, coa que aspira a consolidarse como “un centro interdisciplinario e multidisciplinario de referencia internacional, recoñecido pola excelencia da súa investigación, pola súa contribución ao desenvolvemento de tecnoloxías fiables e conscientes e pola súa capacidade para comprender e orientar os seus impactos éticos, legais, sociais, económicos e culturais”.
A actualización incorpora tamén tres novos valores -excelencia, colaboración e responsabilidade- ao compromiso explícito que o CiTIUS mantén con outros seis: liderado, servizo, creatividade, igualdade, integridade e transparencia. Con eles, o centro quere reforzar unha cultura científico-tecnolóxica que combine ambición investigadora, cooperación e compromiso social.
En consonancia con esta nova etapa, o CiTIUS (un centro co financiado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027) vén de abrir un novo proceso de vinculación de persoal investigador, orientado a fortalecer e ampliar a súa comunidade científica e a favorecer a incorporación de capacidades e perspectivas complementarias, de acordo coa súa nova orientación estratéxica.
