
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña e o centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo organizan conxuntamente unha nova edición da CITIC Cyber Competition (C3TF). Será unha xornada dedicada á formación e á competición en ciberseguridade. Celebrarase o xoves 29 de outubro na Coruña e en Vigo.
Segundo informan os dous centros galegos, a iniciativa busca “fomentar o interese pola seguridade informática e promover o desenvolvemento de habilidades prácticas neste ámbito entre estudantes de distintas disciplinas”.
O programa combinará actividades formativas, intercambio de experiencias profesionais e unha competición na que as persoas participantes deberán resolver desafíos técnicos relacionados coa ciberseguridade.

A xornada desenvolverase en dous bloques: unha mañá dedicada á formación e á divulgación, e unha tarde centrada na competición. A proposta está concibida como unha oportunidade para aprender, poñer a proba coñecementos e compartir experiencias nun ámbito cada vez máis relevante para a protección de sistemas, datos e servizos dixitais.
A CITIC Cyber Competition está dirixida a estudantes de calquera disciplina que estean a cursar os seus estudos durante o curso 2026/2027 ou que os cursasen durante o ano académico anterior, 2025/2026.
A convocatoria está aberta a estudantes con diferentes perfís académicos que teñan interese na ciberseguridade e queiran poñer a proba as súas habilidades.
As inscricións ficarán abertas ata este venres, 23 de outubro, e realizaranse mediante un formulario individual.
Formación especializada e experiencias profesionais
O programa comezará ás 10:00 horas co obradoiro Introdución á análise forense de dispositivos IoT, impartido por Rafael López García, David Diz Nieves e Pablo Rodríguez Cascón. A sesión permitirá achegarse á análise forense aplicada a dispositivos da Internet das Cousas.
Ás 12:00 horas celebrarase un relatorio e ás 13:00 horas a mesa redonda Experiencia profesional dos egresados de MUniCS, na que antigo alumnado do Máster Universitario en Ciberseguridade compartirá as súas experiencias e traxectorias profesionais.
A mañá concluirá cun espazo de encontro e networking que permitirá ás persoas asistentes intercambiar impresións e establecer contactos.
Retos informáticos

A tarde estará dedicada á competición C3TF, que se celebrará de 15:30 a 20:30 horas en dúas sedes universitarias: o CITIC da UDC e atlanTTic da Universidade de Vigo.
A proba seguirá o formato Capture The Flag (CTF), unha modalidade de competición na que as persoas participantes deben resolver retos relacionados coa seguridade informática. Os equipos, formados por entre unha e tres persoas, terán que demostrar os seus coñecementos e a súa capacidade para afrontar distintos desafíos técnicos.
A competición aposta pola aprendizaxe práctica, a resolución de problemas e a demostración de habilidades nun contorno participativo. Como parte das súas normas, a organización prohibe o uso de chatbots e axentes de intelixencia artificial durante a proba e esixe un comportamento ético por parte de todas as persoas participantes.
Os tres equipos mellor clasificados recibirán premios económicos de 1.200, 900 e 600 euros, respectivamente, financiados pola Cátedra R en Ciberseguridade. Ademais, todas as persoas participantes recibirán obsequios do encontro.
Colaboración entre o CITIC e atlanTTic

A iniciativa está organizada por persoal investigador do CITIC da Universidade da Coruña, en colaboración con persoal investigador de atlanTTic da Universidade de Vigo, reforzando a cooperación entre ambos os dous centros universitarios no ámbito da formación e da divulgación da ciberseguridade.
O comité organizador está integrado por Manuel Caeiro Rodríguez e Ana Fernández Vilas, da UVigo, e Carlos Dafonte, Francisco J. Novoa e Jose Vázquez Naya, da UDC.
Os retos da competición foron desenvolvidos polo equipo formado por Martiño Rivera Dourado, Rubén Pérez Jove e David Soler García, vinculados ao Máster Universitario en Ciberseguridade (MUniCS) da Universidade da Coruña, e por Pablo Pío Rejo Iglesias, do Máster en Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo.
