A Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) quere que as operadoras de telecomunicacións realicen investimentos nas súas propias redes, e que o par de cobre se vaia substituíndo pola fibra óptica de xeito que poida ser realidade unha nova xeración de servizos baseados en tal tecnoloxía.
O proceso de evolución das redes vai ser lento (estiman que ás redes actuais lles quedan entre 10 e 15 anos) pero tras 4 meses de intensa actividade no seu consello, a CMT publicou unha resolución na que se marcan as liñas mestras a seguir, que buscan a competencia nas novas redes para que non se repita o panorama actual da telefonía e o ADSL (dominado por un único operador ó que o resto alugan as infraestruturas).
No novo marco, Telefónica non terá a obriga de abrir as súas novas redes ós seus rivais, de xeito que as operadoras que non invistan en infraestruturas alternativas estarán destinadas ás desaparición a longo prazo. Aínda así Telefónica si deberá abrir ós seus rivais as canalizacións que emprega, pero os competidores deberán investir se queren tirar proveito das mesmas (instalando redes de fibra no seu interior).
Este cambio regulador resulta moi arriscado, pois algunhas compañías poderían desbotar o mercado español se non o consideran rendible, pero de saír ben cambiaría o sector a un mercado cunha competencia real, o que debería beneficiar ós consumidores.
A resolución da CMT non afecta ás redes actuais, ou sexa, que as compañías poderán comercializar conexións de ADSL de ata 20 Mbps, pero non poderán ir máis aló sen investir en redes propias, o que supón un duro atranco, pois se agarda que as conexións actuais vaian quedando obsoletas paulatinamente, de xeito que perderán competitividade en poucos anos.
A regulación definitiva aínda tardará en chegar, e precisará da aprobación da Comisión Europa (organismo que instou a esta reforma) agardándose que tarde máis de ano e medio en entrar en vigor.
A CMT instará as operadoras a contar con redes propias para dar un pulo ás conexións de nova xeración
Compartir Este Artigo

