Sanrio Digital anunciou que comezou as probas do xogo de rol masivo multixogador Hello Kitty Online, que levará o mundo de fantasía da empresa ó ordenador, dando vida a un contorno máxico que acollerá a milleiros de xogadores para vivir, explorar e conquistar tanto lugares inspirados na realidade (París, Moscova, Tokío…) coma totalmente imaxinarios (coma Flower Kingdom).
O xogo MMORPG comeza agora a súa beta privada, para lanzarse a súa versión definitiva na segunda metade do ano. O título está orientado a nenas e mozas, e integrarase no portal SanrioTown.com, que achega blogs, e-mail, vídeos, produtos de Hello Kitty e outras funcións que contribúen a crear unha experiencia dixital e social en calquera momento.
Hello Kitty Online será de balde na súa descarga e xogo, pero poderán adquirirse actualizacións para os personaxes do mesmo, nun modelo de negocio que pode lembrar a Second Life.
Pero aparte do mundo persistente, o produto será un xogo, incluíndo sistemas de enfrontamentos (que non serán o obxectivo principal do xogo), puzzles, mini-xogos, arcos argumentais e aventuras que farán que as usuarias gocen da experiencia de xogo.
Hello Kitty terá este ano un xogo en liña
Compartir Este Artigo

