
Así, os asistentes puideron ver como será unha partida da futura entrega de Guitar Hero, sorprendendo pola boa aparencia da batería e a renovada aparencia da guitarra eléctrica. A posta en escena foi realmente magnífica, o que supón unha boa publicidade deste xogo que aínda se fará esperar, xa que antes chegará ao mercado o Guitar Hero Aerosmith.
Demostración do novo Guitar Hero durante o D6
Esta presentación en sociedade do Guitar Hero World Tour coincide co lanzamento dun anuncio a xeito de demo do que será o Guitar Hero: On Tour para Nintendo DS, o que sorprendentemente causou bastante rebumbio porque moitas persoas consideran que tal vídeo é nefasto, aínda que outros o entenden como unha homenaxe a certos anuncios televisivos que se facían nos anos 80.
No anuncio de On Tour podemos ver detalladamente cómo é o xogo, dende o seu manexo ata os ataques que se poden empregar no modo competitivo, pero a aparición do cantante Scott Weiland (de Stone Temple Pilots e Velvet Revolver) ambientando musicalmente as explicacións dun xeito moi ridículo (que se pode entender con humor) espertou moitas críticas, pero o certo é que o clip está a cumprir coa súa misión, pois está dando a coñecer o funcionamento do xogo e acadando publicidade gratuíta pola polémica suscitada.
Para opinar, o mellor é ver o vídeo, que garante uns minutos de diversión:
Presentación de Guitar Hero: On Tour

