Aproveitando un encontro trekkie a pasada fin de semana Cryptic Studios presentou oficialmente o futuro xogo multiusuario en liña Star Trek Online, amosando por primeira vez un vídeo do xogo ambientado no universo futurista creado por Gene Rodenberry para unha das series de culto máis importantes da televisión do século XX, e que tamén ten unha nova película en preparación.
Para evitar problemas coa continuidade das series de televisión, o xogo situarase despois do acontecido na serie Star Trek: A Nova Xeración polo que non é de agardar que aparezan personaxes tan míticos coma James T. Kirk, Spock ou Jean-Luc Picard, aínda que continuaremos nun universo con múltiples especies nas que a Flota Estelar continúa a enfrontarse ao Imperio Klingon (podendo o xogador elixir entre un dos bandos).
Os usuarios tomarán o control do capitán dunha nave, que será totalmente personalizable, podendo incluso definirse como dunha especie totalmente nova, aínda que segundo vaia avanzando o xogo poderán ampliar a súa nave e captar nova tripulación. Amais, ao ser inmenso o universo no que transcorren estas novas aventuras, haberá moitos mundos que explorar (entre os que estarán contornos que resultarán familiares para os seguidores das distintas series de televisión desta franquicia), polo que a diversión parece asegurada.
O xogo chegará inicialmente para PC, pero non se descarta que máis adiante haxa versións para as consolas de alta definición (aínda que non son unha prioridade porque este tipo de xogos son máis propios dos ordenadores persoais).
Trailer de presentación do novo xogo
Presentan o xogo Star Trek Online
Compartir Este Artigo

