
O xogo pretenderá crear unha ambientación xa coñecida polos seguidores de xogos coma Knights of the Old Republic, situando a acción uns 3.600 anos antes das películas de George Lucas, permitindo tomar parte do bando Jedi ou Sith, aínda que tamén se poderán encarnar outros roles típicos do universo de Star Wars.
O director xeral de BioWare, Ray Muzyka, declarou durante a presentación do novo xogo que «tradicionalmente, os xogos multixogador en liña teñen 3 piares básicos (combate, exploración e evolución dos personaxes)» e que esta produción engadiría «un novo cuarto piar á ecuación (a historia)». Lembremos que este último factor tamén foi decisivo para o éxito de El Poder de la Fuerza, xogo que decepcionou á crítica pero convenceu ao público ao presentarlle unha trama na que poder somerxerse.
Polo momento só podemos ver algunha captura do xogo, algo da arte conceptual e declaracións dos seus responsables, tendo que agardar para coñecer detalles coma a data de lanzamento do xogo ou o sistema de xogo.

Ray Muzyka e Greg Zeschuk explican a importancia do novo xogo nun vídeo para Gamespot

