O eido dos videoxogos é hoxe en día un fervedoiro de nostálxicos. En realidade, non é de estrañar que así sexa, tendo en conta as múltiples ligazóns emocionais que se establecen cos produtos das consolas e que xa son varias xeracións as que tiveron contacto con elas. A nostalxia nestes casos, que funciona máis canto maior sexa a vítima, é un pouco coma a marea. Leva cousas (consolas e xogos vellos, discos de vinilo, cámaras analóxicas, equipos de Super 8) para logo traelas. O fluxo e refluxo, neste senso, son constantes. E sempre hai quen tira bo partido diso. Como por exemplo Sony, que vén de crear un portal exclusivo para todos aqueles seareiros dos videoxogos que estean a reafirmarse en que calquera tempo pasado foi definitivamente mellor (malia as liortas en familia por obter o mando da consola, os gráficos rudimentarios, a escaseza de catálogo, etc). A web PlaySega.com métese dereita polo camiño da recuperación do pasado mais sen renunciar aos novos achados tecnolóxicos.
Algo así como a rehabilitación dunha casa antiga que só conserva, de vella, a fachada e os mobles. No caso do portal de Sony, a innovación vén da man dos propios formato e canle: tecnoloxía en Flash para gozar dos xogos e acceso universal en liña. A web, que clasifica os seus contidos en función dos seus estilos-modalidades (arcade, concursos, crebacabezas, cartas, Sony, deportes e xogos de palabras), é unha tentativa por parte de Sega e Sony de recuperar prestixios pasados, sobre todo o da época das consolas de 8 e 16 bits, que lle facía unha firme competencia aos produtos da agora vitoriosa Nintendo.
Sega bota man da Rede para recuperar vellos éxitos da casa
Compartir Este Artigo

