Moitas publicacións están a anunciar nos últimos días que Wii Sports é o xogo máis vendido da historia o que é unha afirmación baseada nunha listaxe de vendas publicada na Internet (que cifra as unidades vendidas en 41,33 millóns) da que consideramos que hai que facer algunhas precisións. Por unha banda, o Wii Sports non se vende (agás no Xapón) senón que vén de agasallo coa consola doméstica de Nintendo, polo que os datos publicados hai que collelos con pinzas, e logo hai que considerar que estamos a separar as vendas por plataforma á hora de facer estas relacións de vendas.
¿Son importantes estes detalles? De feito, son decisivos, pois se botamos a vista atrás veremos que cando a Game Boy se vendía co Tetris de serie lograron colocarse 33 millóns de copias do xogo, mentres que o xogo deseñado por Alexey Pajitnov en 1985 superou os 70 millóns de copias (por desenvolverse para distintas plataformas).
O que si parece case seguro é que Wii Sports superou os 40,24 millóns de unidades do Super Mario Bros que se incluía coa vella NES, ou os 20 millóns de copias do Super Mario World para Super Nintendo, quedando coma o xogo empaquetado máis vendido de todos os tempos, o que non é pouco, xa que ninguén discute que o éxito de moitas consolas está moi ligado ao xogo que inclúen de agasallo no seu lanzamento.
Tamén resulta complicado establecer os lindes que definen o que é un xogo á hora de contabilizar as súas vendas, pois dos máis de 100 millóns de copias que vendeu a franquía dos Sims, 52 corresponderían a Los Sims 2, o que o podería converter no xogo máis vendido se non fose porque non se trata dun único xogo, pois suma as súas 7 expansións, mentres que o xogo en si quedaría en 16 millóns de copias.
Outros videoxogos con complicados datos de vendas serían os de Pokémon, que na súa totalidade superan os 180 millóns de copias vendidas, aínda que seguen a estar superados polos 201 millóns de copais das distintas entregas de Mario. En definitiva, que os videoxogos máis vendidos a nivel mundial para consola serían sen dúbida os de Nintendo (con Mario, Pokémon e Wii Sports) mentres que para PC o reinarían os Sims, aínda que sagas coma Grand Theft Auto ou Need For Speed parecen ser das poucas que logran un espazo entre tanto éxito nintendeiro.
¿É Wii Sports o xogo máis vendido da historia?
Compartir Este Artigo

