Dende aDeSe finalmente publicaron os datos de vendas de videoxogos en España durante decembro de 2008, o que nos permite coñecer cómo foi a campaña de Nadal, que confirma o liderado de Nintendo. Así, os 3 xogos máis vendidos serían Wii Play, Mario Kart e Wii Fit, tendo tamén a Wii a súa versión do Monopoly en 5º posto, o que supón un éxito incrible da consola doméstica de Nintendo, aínda que tamén hai que destacar que nestas datas a base de consolas PlayStation 2 tamén se fai notar, e introduce entre os 10 xogos máis vendidos aos futboleiros Pro Evolution Soccer 2009 (4º posto) e FIFA 09 (8º posto), mentres que fóra de España é o FIFA 09 o que lle come as papas na cabeza ao PES 2009. O PES 2009 tamén ocupa os postos 6º e 7º da listaxe nas súas versión de PSP e PS3, confirmando o éxito dos xogos de fútbol en España.
Para rematar, os postos 9º e 10º estarían reservados para o Call of Duty: World At War (PS3) e New Super Mario Bros (Nintendo DS), quedando sorprendentemente a Xbox 360 fóra deste selecto grupo, mentres que noutros países conseguiu uns resultados de vendas notables.
A explicación destes resultados parece bastante sinxela: Nintendo consegue que os seus xogos que veñen acompañados con accesorios (coma son Wii Play, Mario Kart e Wii Fit) lideren as vendas porque son un agasallo ideal de Nadal para alguén que teña unha Wii (que é a consola que máis vende, especialmente entre cativos e público feminino), compartindo boas vendas con 4 títulos futbolísticos (outra aposta segura como agasallo, que os fan liderar as vendas para PSP, PS2 e PS3), polo que nestas datas non hai que buscar a presenza de grandes xogos.
Curiosamente o xogo máis vendido para Xbox 360 foi o Lips, que se comercializa con 2 micrófonos sen fíos, o que tamén se explicaría polo efecto agasallo que tanto se fai notar ao remate do ano.
A Wii e o fútbol lideran as vendas de videoxogos en España na campaña de Nadal
Compartir Este Artigo

