O vindeiro 27 de febreiro chegará ás tendas o agardado xogo Killzone 2, que promete ser o título que mellor aproveite a potencia gráfica da PlayStation 3 ata o momento, o que levou a algúns aproveitados a vender a través de eBay e outras canles de distribución copias previas do xogo a prezos realmente esaxerados, o que levou a Guerrilla Games a advertir de ser copias da versión que se distribuíu entre a prensa «é posible que non se poida xogar ao modo multiusuario con estas edicións» o que claramente frustraría ao consumidor que pagase un sobreprezo para facerse cun xogo antes da súa data oficial de lanzamento.
As copias promocionais que se distribúen entre a prensa especializada tamén inclúen claramente o texto «not for resale», ou sexa, que está prohibida a súa venda, polo que os vendedores destas unidades estarían a cometer unha infracción.
Dende CVG aseguran que nas copias promocionais que puideron probar non foi posible xogar en rede, o que confirmaría as declaracións de Guerrilla, aínda que apuntan que isto podería ser consecuencia de que os servidores do xogo tampouco estarían operativos ata o lanzamento oficial do mesmo. Sexa como fora, queda claro que gastar 2 ou 3 veces o prezo de portada dun xogo para conseguir unha copia promocional que podería estar limitada non parece un bo negocio para os usuarios finais.
Advirten de que as copias promocionais de Killzone 2 non permiten o xogo en rede
Compartir Este Artigo

