O vindeiro venres chega ás tendas españolas para PS3 e Xbox 360 o xogo Street Fighter IV, posiblemente o máis agardado da saga de Capcom, pero no Xapón xa leva uns días nas tendas, e o seu éxito é indiscutible, pois o xogo esgotou todas as súas unidades no seu día de lanzamento (aínda que se repoñen con certa normalidade) o que serían unhas 116.000 copias. En distintas páxinas web discutían que o xogo non estaba esgotado nas tendas, pero Capcom precisou que o que anunciaron foi que non venderon máis copias o primeiro día porque non distribuíron máis, polo que o xogo estaría a superar todas as expectativas, e en Europa tamén se podería repetir o éxito pois as críticas que está a recibir o xogo por parte de crítica e público (pois circulan copias do mesmo pola Rede) son moi boas, non só polo seu nivel gráfico, senón tamén pola súa xogabilidade.
Pero a chegada do xogo ás tendas españolas podería ser peor do que os afeccionados esperan, pois parece que o xogo chegará so, ou sexa, que os mandos personalizados coa súa marca (5 modelos de fightpads e 2 de fightsticks) non estarían dispoñibles ata o mes de maio (data por confirmar), o que supón unha longa espera para un tipo de accesorios que realmente estaban a agardar moitos usuarios das consolas de última xeración, que veñen cuns mandos que non están optimizados para os controis dixitais dos xogos de loita.
Impresionantes vendas de Street Fighter IV no Xapón
Compartir Este Artigo

