Unhas declaracións de Reggie Fils-Aime, presidente de Nintendo América, para o New York Times, levantaron unha forte polémica, pois en resume concluirían que os xogos para Wii precisarían da venda dun millón de unidades para obter beneficios, algo que só conseguiron 16 dos 486 xogos que existen para a consola e dos que 9 estarían desenvolvidos pola propia Nintendo, o que faría ruinoso apostar pola Wii por parte de estudos alleos ao fabricante nipón.
De feito, a meirande parte dos títulos para Wii non venden máis de 150.000 copias, o que viría a dicir que a consola é un bo negocio só para Nintendo e os seus distribuidores, o que claramente non é así, pois de poder xeneralizarse esas afirmacións ningunha empresa crearía xogos para Wii, e levan anos facéndoo (sen apoio financeiro de Nintendo).
Reggie Fils-Aime querería indicar que o número de copias para rendibilizar un xogo de Wii é menor que para Xbox 360 ou PlayStation 3, consolas que teñen un custo de desenvolvemento moi superior, e un dos factores que indicarían esa cantidade sería o gasto de promoción, estimando que desenvolver e comercializar un xogo para Wii custaría máis de 18,8 millóns de euros; pero tras ver o rebumbio causado, o responsable de Nintendo matizou as súas declaracións dicindo que é posible sacar cartos vendendo menos dun millón de copias, polo que entendemos que ao dar esas cantidades estaba a falar de grandes títulos, que precisan un forte investimento e que , por desgraza, non son moi habituais na Wii.
¿Un millón de copias para rendibilizar un xogo de Wii?
Compartir Este Artigo

