A empresa galega Krasis, da que xa temos falado nesta web para dar conta (entre outras cousas) das súas achegas en materia de formación a distancia, vén de mover ficha de xeito decidido a prol de tirarlles partido ás moitas posibilidades promoción que ofrece algo tan de uso común como o correo electrónico. Segundo contan responsables da compañía viguesa, a aposta materialízase en boa medida a través de MAILCast, aplicación que permite crear boletíns electrónicos do xeito máis doado e campañas de publicidade en liña con destino directo cara ás bandexas de correo dos clientes. O software en cuestión, ao que é posible verlle as funcionalidades detalladas polo miúdo na propia web de Krasis, está neste intre dispoñible para quen queira empregalo en fase temporal de proba, durante un mes e con todo o preciso para ir descubrindo as súas características: personalización de envíos, servizos adicionais, segmentación, seguimento estatístico, etc.
O servizo MAILCast, que se afasta dunha boa cantidade das ferramentas automáticas de subministro de correos electrónicos precisamente por achegar posibilidades amplas de atención particular (tanto a usuarios concretos como a eidos de usuarios), permite entre outras moitas cousas facer o seguinte: publicar boletíns, crear e subministrar campañas de promoción a un custe que a empresa cualifica de “reducido”, ofrecer contidos ao noso sitio web ou á intranet con información actualizada a través de RSS, customizar relacións rendibles cos clientes, facer máis doada a distribución do traballo entre departamentos (axustando roles e permisos) e levar a cabo enquisas indirectas e previsións de vendas.
Asemade, e xa nun terreo máis específico, incorpora un inferfaz de usuario ao alcance dos coñecementos informáticos de calquera internauta. En realidade, e segundo informa Krasis, non somos nós os que estamos obrigados a afacernos a MAILCast, senón ao revés:
· O servizo está baseado na Web e non require que se descargue ningún software para o seu uso. Abonda cun navegador e poderemos empregar o produto dende calquera recanto.
· Inclúe varios idiomas e é quen de traballar en todos eles de xeito simultáneo. Adáptase, sinalan os responsables do seu desenvolvemento, de xeito automático ao idioma do usuario.
· Non precisa instalación nos equipos, e o seu software vén como servizo (SaS). Asemade, vén con todos os requirimentos para axudar no cumprimento das diversas lexislacións sobre protección de datos e control do correo lixo que están vixentes arestora no mundo.
Pero hai máis vantaxes, relacionadas xa co miolo das funcións que lles son propias:
· Podemos elaborar contidos directamente en MAILCast ou facelo co editor HTML que queiramos.
· Ofrece un editor de contidos integrado que permite crear informacións sen recorrer a oras ferramentas.
· Permite publicar na Rede as imaxes precisas para o noso correo sen necesidade de amplos coñecementos informáticos.
· Pode asociar un contido específico para cando os nosos correos sexan visualizados dende terminais móbiles.
· No caso de non especificar información propia, a ferramenta xera de xeito automático unha versión para móbiles do noso comunicado.
· Se elaboramos un boletín, poderemos crear as novas e os artigos que inclúan devagar, e sen necesidade de agardar ata o final para xuntalos. O día do envío, MAILCast encárgase por si só de unir todo “nun conxunto coherente e de aspecto homoxéneo”, sinala Krasis.
· Cando chegue o intre indicado para o envío, o software fai a maquetación do comunicado de xeito automático segundo a plantilla elixida, xuntando os anacos que xe teñan creado.
· Os contidos se poden personalizar a vontade con calquera información que teñamos sobre os seus destinatarios: nome, data de incorporación como cliente, ventadas do último mes, etc. Tamén se pode personalizar o asunto con calquera información sobre o receptor.
· O xestor de envío de desenvolvemento propio que inclúe a ferramenta permitirá acadar unha gran velocidade, pudendo entregar milleiros de correos por minuto, sen saturar os servidores de correo nin a conexión a Internet. Tamén se achega a posibilidade de facer envíos programados para unha data e hora determinados. Asemade, co fin de asegurar un resultado óptimo, é posible efectuar envíos de proba a calquera destinatario para a súa aprobación e visualización real.
Krasis lanza unha innovadora aplicación para crear boletíns electrónicos e campañas en liña
Compartir Este Artigo

