A ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde, foi a encargada de inaugurar a V Feira Internacional do Lecer Interactivo Gamelab 2009 que terá lugar en Xixón ata o día 3, momento que aproveitou para dar a súa opinión sobre o estado actual do sector dos videoxogos, que é unha das apostas do ministerio, posto que hai pouco foi recoñecido polo Goberno coma pertencente á cultura (algo que era evidente, especialmente tras superar á música e ao cine en volume de negocio). González-Sinde asegurou que «o videoxogo é unha das artes», destacando que o sector ten «grandes posibilidades de desenvolvemento se atopan as ferramentas axeitadas para poder competir».
A loita contra a piratería, a conxuntura actual da Internet e o lecer dixital ou o canon dixital tamén foron temas tratados pola ministra, destacando que o polémico canon volverá a abordarse en 2010, cando procurará achegar as posturas de empresas, fabricantes, internautas e asociacións de consumidores.
Deixando a un lado a intervención de González-Sinde, hai que recoñecer que o evento chega nun momento decisivo para o sector, no que puidemos ver coma o estudo español Digital Legends foi seleccionado por Apple para dar a coñecer as prestacións para o xogo do iPhone 3G a través do título de acción Kroll, Novarama destacou no E3 cos seus revolucionarios Invizimals, MercurySteam está a traballar nunha nova entrega de Castlevania e incluso os estudos GRIN teñen oficinas en Barcelona.

González-Sinde confirma ao videoxogo coma arte
Compartir Este Artigo

