O videoxogo dos Cazapantasmas anunciárase a finais de 2007, agardándose o seu lanzamento para o outono de 2008, pero este título para consolas de videoxogos que por moitos é considerado coma se fose a película Cazapantasmas 3 (por ser unha secuela case perfecta das 2 primeiras entregas cinematográficas) topou con problemas de distribución que finalmente parecían estar solucionados, e o título tería que ter chegado a España o pasado 19 de xuño, pero por desgraza só chegou ás tendas nas súas versións de PS3 e PS2, quedando demoradas as versións de Nintendo DS, PC, Wii e Xbox 360 ata o mes de novembro (pese a que estaba datado o seu lanzamento para o 23 de outubro), mentres que para a PSP podería chegar o 30 de outubro.
Estas demoras son realmente malas para o sector, pois o lanzamento dun xogo con tanto retraso faille perder o pulo promocional de meses anteriores (o título xa apareceu analizado na prensa especializada antes do verán) e incluso leva a moitos seguidores da franquía cinematográfica a facerse cunha copia pirata do xogo (que incluso circulaban na súa versión dobrada ao español dende o mes de xuño).
De todos os xeitos, hai que lembrar que estamos a falar dun xogo imprescindible para os seguidores das películas de Murray e Ramis, conservando o sentido do humor, e que na súa versión española pode gozarse tanto coas voces orixinais en inglés como nunha versión dobrada, podendo o usuario elixir entre ambas, algo bastante pouco frecuente nos videoxogos (pese a que sexa a norma nos DVD con películas e series de televisión).
Tamén hai que destacar que as versións de PC, Xbox 360 e PS3 contan cunha aparencia realista, mentres que o resto apostaron por un aspecto caricaturesco, máis acorde co seu tipo de público.
Continúan as demoras no lanzamento do videoxogo dos Cazapantasmas
Compartir Este Artigo

