
As máis de 1.000 empresas esparexidas por todo o municipio quéixanse do servizo deficiente de Internet, o que provoca unha recesión importante no labor diario destas e, consecuentemente, repercute de xeito negativo no desenvolvemento económico do tecido industrial mosense. As empresas pagan por servizos que non se prestan e estarían dispostas mesmo a gastar máis se se lles garantise calidade. Moitas delas probaron con diferentes compañías e sistemas sen alcanzar nunca un resultado óptimo e incorrendo sempre nun gasto a maiores. Pola súa banda, o Concello está involucrado nun proxecto da Deputación de Pontevedra de implantación dunha rede WiMAX no municipio, pero a día de hoxe aínda non se xerou ningún resultado.
Hai agora un ano que AEMOS esixiu explicacións e solucións á empresa Telefónica ante o deficiente servizo prestado na banda ancha. Un servizo denunciado por centos de empresas que reclaman maior e mellor cobertura ADSL na zona e unha ampliación e mellora da infraestrutura tecnolóxica.
O municipio de Mos cunha superficie de 52 km2 tan só conta cun nodo de Telefónica situado na parroquia de Louredo, polo que as empresas da zona do Rebullón dependen do nodo de Telefónica situado en Peinador, a máis de catro quilómetros de distancia da área perimetral da concentración empresarial do Rebullón. A longa distancia entre os dous puntos ocasiona que moitas empresas só poidan optar ao ADSL rural de 512 Kbps e as que podendo dispoñer de 1 Mbps o fagan en precario, con cortes e menos velocidade da contratada. Precisamente en Zoamedia tiñan contratados 6 Mbps e nunca dispuxeron de máis de 512 Kbps. Tamén na Rufana (Louredo), a Dicarvi sucédelle o mesmo, «pagamos por 4 Mbps cando en realidade non temos nin 1», explica dende a empresa Juan Rodríguez.
A deficiencia deste servizo está a provocar un grave prexuízo económico a nivel global e tamén de xeito particular a cada un dos empresarios. A actividade diaria de moitos deles céntrase na rede, provocándoos un atraso considerable ao final da xornada.
Todos os empresarios coinciden en asegurar que a deficiencia deste servizo está a repercutir gravemente nos seus negocios polo que solicita unha solución inmediata, ben a Telefónica como empresa privada responsable da banda ancha en Mos ben á Administración, de cara á implantación de futuros proxectos que ofrezan unha cobertura de calidade.
Os empresarios de Mos reclaman melloras no ADSL
Compartir Este Artigo
