Os usuarios da Xbox 360 poden descargar de balde do Bazar de Xbox LIVE dende esta mesma tarde a aplicación Game Room, que vén a ser unha especie de salón recreativo dos anos 80 no que os nosos avatares poden achegarse ás máquinas para botar moedas nunha selección de 30 clásicos orixinais de arcade e consola de compañías coma Activision, Atari, Intellivision, Konami e Taito, entre outras, e que inclúen auténticos xogos de culto coma o Centipede, Asteroids Deluxe e Super Cobra, emulando incluso a aparencia exterior das súas recreativas orixinais.
O catálogo de xogos dispoñibles irase ampliando ata superar os 1.000, e os xogadores poderán optar por pagar por botar partidas soltas ou por adquirir os xogos para o seu uso ilimitado. Pese a que os xogos son bastante rudimentarios, parece que a Game Room espertou bastante interese por parte dos usuarios de Xbox LIVE, que foron testemuña dunha incidencia no funcionamento do servizo durante as primeiras horas, que finalmente foi solucionada, polo que agora xa pode xogarse con normalidade a Adventure, Armor Battle, Asteroids Deluxe, Astrosmash, Centipede, Battlantis, Crystal Castles, Gravitar, Lunar Lander, Red Baron, Combat, Finalizer, Football, Tempest, Jungler, Millipede, Outlaw, Road Fighter, Realsports Tennis, Sea Battle, Scramble, Skiing, Mountain Madness/Super Pro, Space Armada, Space Hawk, Shao-lin’s Road (Kicker), Star Raiders, Super Cobra, Sub Hunt, Tutankham e Yar’s Revenge.
Cómpre destacar que este salón recreativo virtual tamén permitirá competir cos amigos, conseguir logros, anotarse en táboas de cualificación universais e incluso xogar nun modo local para dous xogadores. Tamén está dispoñible para ordenadores PC con Windows.
Microsoft inaugura a súa sala de xogos virtual
Compartir Este Artigo

