Durante os últimos meses foron moitos os rumores que apuntaban á resurrección de xogos da consola Dreamcast de SEGA para as consolas de alta definición, e finalmente confirman que a finais de ano tanto o Bazar de Xbox LIVE Arcade (Xbox 360) como a PlayStation Network (PS3) recibirán os primeiros títulos descargables da consola de SEGA que fracasou por mor da forza que tomou como marca a PlayStation. Estes títulos conservarán a súa xogabilidade orixinal, pero con melloras a nivel gráfico e de son, así como incorporando logros e trofeos.
No outono, coincidindo co 11º aniversario do lanzamento de Dreamcast en Europa, chegarán os xogos Sonic Adventure e Crazy Taxi, que son dos máis recoñecidos polos seareiros de SEGA, aínda que non concretan a data de comercialización destes títulos (aínda que sendo o aniversario europeo da Dreamcast o 14 de outubro parecería lóxico que fose o mércores 13 de outubro cando estreasen estes lanzamentos que prometen ser os primeiros de moitos, pois non hai que esquecer que a Dreamcast superou os 650 xogos).



