Segundo informa Panda Security na segunda edición do seu Barómetro Internacional de Seguridade para empresas, as organizacións do Estado español xa lle sacan vantaxe ás de Estados Unidos e a Unión Europea en materia de protexerse nas redes. O estudo, que avaliou a máis de 10.000 compañías de Europa e Norteamérica cun tamaño de ata 1.000 computadoras, achega unha boa posición para as firmas españolas en materia de seguridade, situándose por riba do resto da media neste eido. Porén, non todo ía ser bo, porque semella que o devandito despregue de medios aínda non deu os seus primeiros froitos, ou ben non están a ser ben xestionados, posto que as compañías do Estado reciben meirande número de infeccións cás demais. Sen ir máis lonxe, durante o último ano a taxa de ataques foi de 59%, perante á da Unión Europea, que é do 49%.
Polo que respecta á cifra de firmas que recoñece non ter instalado ningún sistema de seguridade, dicir que é do 4%, taxa que está por debaixo das medias rexionais, que oscilan entre o 11 e 13%. No estudo tamén se ten detectado un certo desleixo en España polas ferramentas libres de protección informática, que anda arredor do 5%. Panda conclúe que “malia que en España se ten percibido unha meirande concienciación e as compañías manifestan estar protexidas en maior medida, a porcentaxe destas que confirman ter sido obxecto de infeccións no último ano sitúase 7 puntos por riba da media do resto dos países (57% en España fronte ao 52% dos restantes eidos xeográficos do estudo). O correo electrónico, por certo, segue a ser a principal vía de entrada destes ataques, xunto coa simple navegación na Rede. Porén, increméntase as infeccións que chegan por dispositivos USB ou memorias externas, ata chegar case ao terzo do total. O que si que se ten visto é a escasa incidencia das redes P2P no fluxo de malware.
Malia ter incrementado a súa protección en liña, as empresas españolas reciben máis infeccións
Compartir Este Artigo
