
Segundo fai saber a USC, diríxese Moonbite cara a posta en xogo, neste eido concreto do lecer dixital, dun factor de futuro que abre novos espazos de relación entre quen xoga (nós) e quen nolo permite (a máquina). Falamos do factor intelixencia emocional, base para acadar finalmente a empatía entre consola e xogador. Carlos Fernández, graduado en Ciencias Económicas, foi o encargado de recibir o galardón.
Polo que respecta á modalidade de Muller Emprendedora, o recoñecemento máximo foi dar á proposta Galebook, plataforma que, como o seu propio nome indica, encamíñase a favorecer o espallamento do libro galego a través dos novos formatos que pon en xogo o dixital. Máis polo miúdo, trátase dun plataforma tecnolóxica para a distribución e para a promoción de volumes dixitais na nosa lingua, atopándose entre os seus obxectivos o de converterse en colaboradora das editoriais da nosa terra.
A licenciada en Filoloxía Románica María J.Prol recolleu o galardón en nome dos seus colaboradores.
Asemade, tamén se premiou dentro da categoría Medioambiental un servizo innovador de xestión e instalación dun sistema de tratamento de fosas sépticas para a produción de biogás nas aldeas galegas (da man de Edgar Romero Lema, enxeñeiro de Montes); e dentro da modalidade Sensibilidade Social a iniciativa iCarto, un proxecto empresarial de cartografía especializada destinada á análise de infraestruturas territoriais e á xestión de datos xeoespaciais. Os promotores son técnicos saídos do Laboratorio de Enxeñaría Cartográfica da Universidade da Coruña.
O gañador do premio Empresa Xove é o proxecto Compas.et, pola súa proposta de ofrecer ás pequenas e medianas empresas métodos de negocio, aplicacións informáticas e innovación tecnolóxica, só dispoñibles ata este momento para as grandes compañías. Esta iniciativa foi promovida por Óscar Pasaró, licenciado en Física.
As TIC, máis presentes ca nunca nos proxectos innovadores galardoados pola USC
Compartir Este Artigo
