A empresa galega Democom, especializada no deseño e implantación de novas tecnoloxías dixitais de comunicación (como por exemplo a aplicada na policía do concello de Oleiros), vén de ser admitida na DMR Association, unha entidade internacional de gran prestixio dedicada entre outras cousas a promover o uso e a mellora da tecnoloxía Digital Mobile Radio. Democom, que é a primeira compañía de todo o Estado que consegue este recoñecemento, entra na dita entidade como membro de tipoloxía 3, o que se significa que acode en calidade de provedora de servizos de rede e solucións a usuarios. As restantes categorías son as destinadas para fabricantes (1) e para subministradores de aplicacións e produtores de recursos auxiliares (2).
Para a firma galega, trátase ante todo dunha gran oportunidade para entrar en contacto cos principais representantes das radiocomunicacións a nivel mundial, abríndoselle as portas para participar nas xuntanzas que decote manteñen os membros da asociación co fin de tomar decisións estratéxicas ou definir liñas de traballo.
Democom, ao ser o único membro procedente do eido español, xa solicitou actuar como representante de tódalas firmas do Estado vinculadas ás radiocomunicacións, co obxectivo de lograr así un meirande pulo ao mercado español e ás exportacións de aplicacións de valor baseadas nas ditas tecnoloxías.
Cómpre lembrar que DMR é un estándar aberto a nivel mundial e dispoñible de radio dixital para usuarios de Radio Móbil Profesional, desenvolvido polo Instituto Europeo de Normas de Telecomunicación (SETSI) e ratificado por vez primeira en 2005. Esta tecnoloxía, informa Democom, fornece aos usuarios de servizos e voz e datos (e tamén doutros servizos complementarios). Arestora estase a empregar en todo o mundo a un nivel profesional.
A prestixiosa DMR Association inclúe nas súas fileiras á galega Democom
Compartir Este Artigo
