O Consello da Cultura Galega quere dar continuidade á continuidade. Falamos da iniciativa posta en marcha para integrar, dun xeito único, redes dixitais, cultura galega, dispositivos de xeolocalización, etnografía e sendeirismo. O servizo Roteiros da cultura galega, que xa puxo á nosa disposición itinerarios físicos e dixitais vinculados a Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez ou Uxío Novoneyra, sube un novo chanzo cun percorrido vital e literario pola figura de Ramón Otero Pedrayo. A nova proposta, coma as anteriores, vén da man do Consello e da empresa compostelá Etnoga, especializada na promoción cultural a través do emprego de ferramentas e recursos innovadores. A maiores e para este caso concreto, contouse co apoio da Fundación Otero Pedrayo.
Máis polo miúdo, trátase dun percorrido polos abondosos cenários vitais e artísticos do dito escritor galego polas terras de Amoeiro e O Ribeiro, especialmente ricas en patrimonio natural e cultural.
O roteiro convídanos no específico a pescudar as pegadas de Pedrayo e no xenérico a coñecérmonos a través de mosteiros, priorados, pontes, castros, pazos e contornos de singular beleza. A nova proposta, recibida en comunidades en liña como a chuzeira con parabéns, acompáñase do epígrafe Á sombra de Trasalba, nome do pazo no que naceu, viviu e morreu o escritor e eixe físico e temático do percorrido, tamén coñecido como Grande de Cimadevila. Este punto de partida e remate, que alberga a sede da Fundación Otero Pedrayo, compleméntase con visitas á igrexa de San Mamede de Moldes (xoia do románico ourensán) ou a Pazos de Arenteiro, fermoso núcleo de poboación galega que ten o engadido de dispor do meirande número de pazos por metro cadrado.
Culturagalega.org enriquece os seus roteiros cun percorrido polas pegadas de Otero Pedrayo
Compartir Este Artigo
