A nosa terra segue a medrar en presenza de banda larga, aínda que se cadra non tanto como sería desexable, e principalmente no rural. Segundo apunta estes días Xornal.com reflectindo datos da Comisión de Mercado das Telecomunicacións, o noso país ten unha taxa de medre de liñas de banda larga do 12,2%, superada por Melilla (cun salientable 23,4%) e Nafarroa (cun 13,3%). Porén, a relativamente boa porcentaxe no que se refire a crecemento non acada as mesmas cifras no que atinxe a situación actual das redes. De feito, seguimos a nivel de penetración nos postos da táboa onde fai frío nin calor, cun índice que por provincias é do 18,4 na Coruña e (no punto contrario) do 13 en Ourense. No resto do Estado, a táboa estaría encabezada por Madrid, con 26,2 liñas por cada 100 habitantes, seguida de Catalunya (con 24,2), Balears (23,1), Euskadi (22,4), Canarias (22,2) e Asturias (21,7).
Polo que respecta ao cable, dicir que o nivel medo de presenza foi de 4,1 liñas para cada 100 habitantes, practicamente o mesmo que no ano anterior. Pola influenza dos operadores de cable que alí despregan o seu traballo, Euskadi lévase a palma cunha taxa do 9,6, seguida de Asturias cun 8,5 e Cantabria cun 8,5. Polo que atinxe á banda larga achegada por compañías alternativas a través do desagregamento de bucles, as porcentaxes máis elevadas foron para Madrid e Catalunya, con cifras do 20,4 e do 19,6, respectivamente. Os operadores de cable acadaron unha boa porcentaxe en Asturias (co 44% do total), Euskadi (co 43,7), Cantabria (co 39,6%) e Galicia (38,8%).
A nosa terra medra en banda larga, segundo a CMT
Compartir Este Artigo
