A creación de novas realidades vaise coando en tódolos eidos da comunicación e, tamén, da formación. Paseniño, xa case non se concibe a aprendizaxe de algo sen que ese algo se nos presente coma se fose real ao cen por cen, pero sen selo. O eido do control e manexo de buques, de extrema complexidade, non ía ser unha excepción. Da man do grupo MAR (Multimedia, Animación e Realidade Virtual) da Universidade de Santiago están a coller corpo unha serie de recursos para facilitar a dita tarefa na medida do posible, recursos que pasan pola recreación en 3D de tódolos elementos que afectan no eido real á navegación. Trataríase dun simulador naval, deseñado en colaboración co CIS Galicia (o Centro de Innovación e Servizos) e arestora en fase de perfeccionamento dos últimos detalles. Detrás da posta en marcha desta ferramenta atópase un grupo de investigadores dirixidos polo profesor Julián Flores González, que xunto co seu equipo levou a cabo unha recreación virtual de tódolos instrumentos de control e manexo que inclúe un barco mercante, así como unha completa figuración do mesmo en 3D.
Segundo se informa dende a páxina web de Emprendia, o obxectivo é achegarlle ao estudante tódolos recursos precisos para que estea preparado á hora de asumir un atraque real en todo tipo de circunstancias. A importancia do simulador é dupla, posto que ata o de agora os profesores encargados de impartir este tipo de formación non contaban con ferramentas desta índole, en boa medida debido ao prezo dos simuladores comerciais, que andan a rentes dos 60.000 euros. O recurso feito polos investigadores da USC pon en xogo máis de unha baza. Por unha banda é máis accesible dende o punto de vista económico e pola outra insire unha serie de elementos que aos estudantes lles son máis propios, polo que é máis accesible. Amais disto, o simulador resulta especialmente manexable, xa que está a disposición dos alumnos a través de cadanseu computador, dende o que se poden ver e controlar tódolos dispositivos dun buque.
Investigadores da USC e do CIS Galicia deseñan un simulador para o manexo de buques mercantes
Compartir Este Artigo
