Hai unha conexión evidente, e á vista está, entre Internet e as redes sociais, a tecnoloxía de localización por vía satélite, os nosos aparellos portátiles e máis os elementos tradicionais polos que se determina a posición xeográfica de calquera cousa. Esta potencialidade, unida á nosa tendencia a saber por onde andamos ou andan os outros, fai que xa case non se explique nada sen xeolocalizado. En xogo está, entre outras cousas, poder chegar a un acto de prensa, a un monumento ou a unha cita calquera nas mellores condicións de exactitude e de saúde. A cousa vai a máis, segundo contan empresas como a consultora ABI Research, que vén de publicar un informe sobre a posibilidade de medre en investimentos que se prevé reciban os servizos de xeolocalización: unha posibilidade moi elevada.
Segundo se desprende do estudo, reflectido estes días por La vida Wi-Fi, a promoción baseada nos ditos servizos pasará dunha facturación de 43 millóns de dólares (os xerados este ano) a unha de 1.800 para 2015. No estudo tamén se explica cales foron as iniciativas que máis éxito acadaron ao longo dos últimos anos, precisamente aquelas que tiveron a capacidade de tirar partido das vantaxes do GPS, as redes Wi-Fi e a telefonía móbil, todo isto en función do produto, país concreto, público ou precisión do emprazamento xeográfico requirido. Este é o caso de servizos de balde como FourSquare ou Facebook Places, por poñer uns exemplos.
Os analistas prevén un forte investimento en servizos de xeolocalización
Compartir Este Artigo
