
Deste xeito, o Goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, unificará os contratos con Microsoft, aforrando un 37% no pagamento de licenzas a esta empresa ao diminuír o número de licenzas de Microsoft Office contratadas. Ademais, o novo modelo contractual permitirá reducir un 18% os prezos fronte á situación anterior en que cada consellería realizaba os concursos por separado.
A adopción destas medidas mellora substancialmente a situación contractual herdada con Microsoft reducindo significativamente os custos. O importe que paga actualmente a Xunta por 3 anos de licenzas de Microsoft elévase a 10,5 millóns de euros dividido en múltiples contratos. Co novo contrato o Goberno galego aboará 4,7 millóns de euros entre 2010 e 2013. Durante este período os distintos departamentos autonómicos asumirán as novas condicións contractuais a medida que conclúan os acordos aínda vixentes con Microsoft.
Software libre
A agrupación dos distintos contratos de licenzas Microsoft existentes actualmente na Xunta de Galicia permiten dar maior transparencia á contratación destas licenzas por parte das consellerías e outros organismos dependentes da Xunta de Galicia e obter mellores condicións de compra por volume de negociación e potenciar o uso de ferramentas ofimáticas de software libre, reducindo o número de licenzas de Microsoft Office.
Esta á unha das liñas de actuación que desenvolve o Plan de Acción 2010 en materia de software libre e de fontes abertas (FLOSS), da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica dotado con 800.000 euros para este ano. O departamento autonómico puxo en marcha esta medida tras constatar a necesidade de unir esforzos aproveitando mellor os fondos públicos destinados á promoción do software libre e de fontes abertas para acadar un maior uso destas aplicacións na Administración, na cidadanía e nas empresas galegas. Con este obxectivo o plan recolle 21 accións que desenvolverá a propia Administración autonómica e outras 60 en colaboración coas asociacións de usuarios e empresas de software libre e as tres universidades.
