O Bloque Nacionalista Galego esixiulle á Xunta que achegue unha versión en galego da páxina web Xacobeoimporta.com. A demanda, que veu da man do voceiro de política lingüística do BNG, Bieito Lobeira, ten a súa raizame nas queixas presentadas polos internautas perante os administradores do dito portal con obxectivo de solicitarlles o acceso en galego. A xuízo do partido nacionalista, a existencia dunha páxina web oficial do Xacobeo que exclúa a lingua do país resulta “intolerable”.
Asemade, Bieito Lobeira cualificou de “humillante” a resposta dada polos administradores acerca das ditas cuestións propostas polos internautas, aos que se lles comunicou que a páxina web está en español e non en galego “en función da xente de fóra de Galiza que non entende o galego”, sinalou o voceiro do BNG. Para Lobeira, é importante que o Goberno galego informe das razóns que levan á exclusión da lingua na dita web, e se ten programada a súa modificación para incluír o noso idioma como opción de inicio.
O BNG pide que se inclúa unha versión en galego de Xacobeoimporta.com
Compartir Este Artigo
