Como contamos hai uns días dende Código Cero, a primeira edición do Premio Ineo á Mellor Aplicación TIC foi dar no transcurso da Noite Galega das Telecomunicacións á empresa Open Soft, con sede en Nigrán (Pontevedra), grazas ao seu innovador sistema informático para a copia de seguridade de datos e a súa recuperación, o sistema OS-Netback. Segundo fai saber estes días a asociación empresarial que concedeu este galardón, a ferramenta de copia ten sobrado potencial como para convertese en recurso de emprego común entre as firmas de calquera sector, tanto pola súa rapidez como pola súa fiabilidade, e máis aínda se temos en conta que o programa en cuestión contribúe a protexer e rendibilizar un dos principais valores corporativos de hoxe: o coñecemento. Segundo engade Ineo, cuxos socios terán preferencia para converterse en distribuidores deste produto en diversos países de Europa e América Latina (onde se vai comercializar en breve), o OS-Netback vai especialmente dirixido a empresas de tamaño medio e departamentos de administración.
Ademais, está baseado en software libre, con tódalas vantaxes de adaptabilidade e de custe (máis económico para as empresas) que isto achega.
O programa permite, máis polo miúdo, recuperar versións de copias procesadas hai máis dun ano, empregando nestas e outras tarefas moitísimo menos tempo (minutos en troques de horas ou xornadas) que outros recursos de semellante liña. Para o director de Open Soft, Carlos Abal, o máis salientable do sistema é que integra prestacións que non se unificaron ata o de agora nun só produto, e ademais cun resultado tan económico para as empresas que fan uso del. O obxectivo da compañía é dar comezo a distribución deste sistema en diversos países, especialmente de Europa e América Latina. Precisamente para favorecer a súa distribución en mercados internacionais, OS-Netback está dispoñible en cinco idiomas: galego, español, portugués, inglés e francés.
O sistema para a recuperación de datos premiado por Ineo comezará a súa distribución en Europa e América
Compartir Este Artigo
