Este xoves a Universidade de Santiago vai acoller un evento dirixido a afondar nas vantaxes e funcionalidades das novas tecnoloxías da información á hora de reactivar económica e socialmente as actividades produtivas do noso agro, máis polo miúdo as especialmente respectuosas co medio. O encontro, que está organizado polo Grupo GIS-T Idega de investigación, celebrarase a partir das 9.30 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. Os obxectivos da xuntanza son, en palabras dos promotores, pór de relevo o moito que poden facer as redes polo noso rural, en termos de medre e sostibilidade, especialmente ao incrementar as posibilidades de comercialización e promoción. O dito grupo, que xa ten experiencia neste eido de traballo (trala posta en marcha dos portais web Granxafamiliar.com e Galiciaautentica.org), centrará unha boa parte da xornada na importancia que están a cobrar os produtos ecolóxicos na nosa economía, e no potencial que lle ofrece a Rede como punto de apoio.
Asemade, informan, con este evento búscase “ofrecer formación específica aos propietarios e empregados dos establecementos onde se venden estes produtos, co gallo de atender máis eficazmente aos consumidores”, sinalan os membros de GIS-T Idega.
Respecto ao programa das xornadas, dicir que logo do acto inaugural, a partir das 10:00 horas, o director do proxecto granxafamiliar.com e integrante do grupo de investigación socio-territorial da USC, Carlos Ferrás, presentará a experiencia acumulada neste eido polo proxecto que dirixe. Dará paso ás 10:45 horas ao fundador da primeira tenda de alimentación ecolóxica en Pamplona, Antonio Elizagaray, co relatorio A tenda ecolóxica. Na sesión de descanso do encontro, entre as 11:30 e as 12:00 horas, realizarase unha degustación de produtos ecolóxicos, para renovar as intervencións coa presentación de Manuel Ares, fundador dun establecemento dedicado á venda destes produtos en Monforte, que falará sobre a xestión do punto de venda.
O relatorio A comercialización dos produtos ecolóxicos, a cargo de Javier Mendia, xerente de Gumiel y Mendía de Lodosa Navarra, e a celebración dunha mesa redonda sobre os asuntos abordados ao longo do día, porán o broche ás xornadas.
A USC acolle este xoves unhas xornadas sobre o potencial das TIC na agricultura ecolóxica
Compartir Este Artigo
