
A cita de hoxe cos medios, que se completará cun relatorio na Fundación Caixa Galicia e coa entrega do XIV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta que se celebra no Colexio de Fonseca ás 20.30, serviulle ao Nobel da Paz para amosar unha boa parte do seu ideario.
Presentado polo reitor compostelán Juan Casares Long, apuntou que o galardón que recibirá hoxe está dirixido á paz mundial e a todos eses elementos sociais e culturais que nos unen. Ao seu xuízo, aquilo que é común entre nós é moitísimo máis grande que o que nos diferenza, e é niso precisamente onde debemos apoiarnos para traballar pola vida e non pola destrución.
A este respecto, sinalou que é preciso non caer no negativismo. “Son optimista”, dixo antes da rolda de preguntas cos medios, ao que engadiu: “E creo na xente”. Elbaradei tamén tivo palabras para dar a súa opinión sobre diversas cuestións de actualidade, por exemplo a polémica sobre a expulsión dos ciganos romaneses de Francia, problema para o que avogou ante todo por “solucións humanas”. Ao seu xuízo, poñer barreiras entre os pobos é un camiño erróneo. “Non se trata de facer que todo veña a vivir a esta parte do mundo”, manifestou, “senón de repartir e axudar”. O diplomático exipcio tamén foi crítico cos gobernos que promoven estas solucións, xa que son contrarias ao que debería ser a súa responsabilidade máxima: coidar da xente que está nese país, favorecer a súa calidade de vida e sen obrigarlles a renunciar á súa identidade cultural.
Na súa opinión, España é un exemplo a seguir en cuestión de respecto cultural, xa que promove a existencia dunha sociedade multicultural e o emprego de distintas linguais oficiais.
Elbaradei tamén foi moi crítico coa guerra de Iraq, á que cualificou de “erro inxustificable que non obedeceu a ningunha das regras internacionais”. Porén, non quixo deixar de lado a cuestión sen apelar de novo á esperanza: “Os humanos temos a capacidade de aprender, polo que debemos ver esta desgraza como unha lección sobre o que non hai que volver a facer nunca”.
Axenda
O Nobel comezou a súa visita o luns 20 cunha recepción do reitor Casares en San Xerome, ás 10:30 horas no seu despacho, para logo ofrecer –ás 11:15 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca- unha rolda de prensa aos medios de comunicación na que intervirán o propio ElBaradei; o reitor da USC; o presidente do Grupo Compostela, Maurits van Rooijen, e o director do Programa ConCiencia, Jorge Mira.
Xa pola tarde, ás 18:30 horas no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia, pronunciará unha conferencia sobre o futuro da enerxía nuclear, como é habitual na programación de ConCiencia.
Os actos do Nobel ese día rematarán ás 20:30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa recepción do XIV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, que o xurado lle concedeu en recoñecemento á súa carreira diplomática a cargo de diversos asuntos de índole política, legal e de defensa da paz. O premiado, sinalaba o xurado na acta, destaca tamén pola súa loita “a favor dun uso racional da enerxía nuclear, nun entorno pacífico”.
Mohamed ElBaradei tira proveito da súa presenza no Programa ConCiencia para pedir unha Europa sen barreiras
Compartir Este Artigo
