O vindeiro 7 de outubro chegará ás tendas en versión para Xbox 360 e PlayStation 3 o xogo Castlevania: Lords of Shadow, que destaca por renovar a saga da familia de cazavampiros Belmont (considerándose esta entrega coma un reseteo) e estar desenvolvido por unha compañía de fóra do Xapón (a española Mercury Steam), pero dende hoxe os usuarios de PlayStation Plus poden descargar en primicia a versión de demostración deste título, mentres que o resto de usuarios de PS3 deberán agardar unha semana para tal privilexio.
Este novo xogo métenos na pel de Gabriel Belmont, membro da Irmandade da Luz (grupo de cabaleiros sagrados que protexen e defenden aos inocentes de forzas sobrenaturais), ao que pon voz o actor Robert Carlyle, participando na dobraxe deste xogo outras voces coñecidas como a de Patrick Stewart, Jason Isaacs e Natascha McElhone.
Esta aventura afástase do canon da saga de Castlevania, e o mellor que podemos facer para ter un adianto deste título é ver o vídeo de máis de 7 minutos que dende Kojima Productions publicaron co gallo do Tokyo Game Show, e que serve para ver detalladamente a aparencia deste xogo que promete ser o primeiro dunha franquía remozada:
Os usuarios de PlayStation Plus xa poden acceder á demo do novo Castlevania
Compartir Este Artigo

