Rémi Orth, especialista europeo en cooperación tecnolóxica, afondará o vindeiro luns 4 na Coruña na importancia de estreitar a colaboración entre empresas, asociacións e máis institucións dunha mesma contorna e doutras a maiores e co obxecto de afrontar a crise. Orth, que é comisario da Rede de Negocios PIN-SME (plataforma constituída para defender os intereses das empresas do sector tecnolóxico e dixital da Unión Europea), estará na nosa terra para participar no almorzo de traballo que organiza o día 4 a asociación Ineo, unha xuntanza cuxo título (Cooperación en tempos de crise) fala por si só de cara a onde se dirixe. A cita, que comeza ás 10 horas na sede da Confederación de Empresarios da Coruña, conta co financiamento do IGAPE e vai encamiñada a pór en valor as oportunidades que a colaboración tecnolóxica lle achega a calquera empresa ou sector produtivo, co fin de “fortalecerse e facerse forte fronte ao actual parón económico”.
Rémi Orth, que ten unha ampla experiencia na procura de oportunidades e vantaxes para as compañías do sector (a súa asociación representa a preto de 50.000 firmas que, en conxunto, suman arredor de 200.000 postos de traballo no sector tecnolóxico), falará no encontro da Coruña do seu labor na rede de negocios, da súa traxectoria na dirección de proxectos de cooperación entre firmas ou dos mellores métodos a pór en xogo para tirar proveito, dende a realidade galega, deste xeito de traballar en mancomún.
Logo da intervención de Orth, darase paso ao debate entre os participantes, que poderán expor as súas dúbidas e cuestións de interese arredor da cooperación tecnolóxica.
O evento ten carácter participativo e darase prioridade ao espazo de debate entre os participantes e o experto.
A inscrición neste almorzo de traballo é gratuíta e está aberta aos empresarios e profesionais de todos os sectores así como doutros axentes interesados na cooperación.
Rémi Orth falará este luns na Coruña dos moitos beneficios da cooperación empresarial no sector TIC
Compartir Este Artigo
