A compañía tecnolóxica HP, que planea o lanzamento dun novo sistema operativo para móbiles a comezos do vindeiro ano, é unha das poucas firmas que, malia á crise, logrou coller o toro polos cornos e xa mira con optimismo o seu futuro máis próximo. Xa que logo, a compañía prevé incrementar nun 50 por cento as contratacións na área dos servizos TIC en España durante o vindeiro exercicio e os seus responsables xa anuncian con optimismo un “forte crecemento na área de contratos de outsourcing”. O seu máximo responsable, José Antonio de Paz, que asistiu á primeira xornada de Simo, asegurou que durante o exercicio en curso, que por certo finalizará o vindeiro 31 de outubro, “HP vai manter a estela de crecemento pechando o ano en números negros, fronte á caída do conxunto do sector tecnolóxico acaecido en España”. En termos globais, o directivo de HP asegurou que a empresa tecnolóxica “vai ampliar o seu diferencial co conxunto da industria TIC” e, asemade, destacou que a empresa se atopa “no seu mellor momento dende que está presente no noso país”. De Paz engadiu que durante este último ano, e malia a crise, HP incrementou a súa plantilla en España en 6,6 puntos porcentuais, pasando dos 7.500 aos 8.000 traballadores, e engadiu que “confía en seguir ampliando a súa plantilla durante o vindeiro ano”.
HP España prevé rematar o ano con resultados moi positivos malia á crise
Compartir Este Artigo

