
Neste convenio, entre outras cousas, estipúlase que o departamento autonómico achegará 55.000 euros a PuntoGal para a realización de actuacións orientadas a conseguir o devandito dominio, e axudar a realizar todos os trámite precisos para acadar este obxectivo perante o organismo competente, a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN).
O obxectivo de PuntoGal é establecer un dominio en Internet para a comunidade cultural e lingüística galega, o .gal, baixo o que poderán rexistrarse aquelas entidades, empresas ou persoas que se expresen en lingua galega e contribúan ao fomento da nosa cultura.
Actuacións
A achega da Secretaría Xeral de Modernización destinarase a varias actuacións primeiro lugar, á garantir a presenza de PuntoGal nos eventos máis relevantes do ICANN en Bruxelas e Cartagena de Indias, incluíndo o material informativo e promocional preciso para a participación de PuntoGal nestes eventos. Tamén se contempla a produción dun vídeo informativo do proxecto PuntoGal en varias linguas tanto para o ICANN como para os organismos relacionados coa regulación da rede e a sociedade galega en xeral e que se difundirá a través da web da asociación.
Para promover a candidatura do dominio a Asociación contratará un servizo de apoio de carácter administrativo para que execute os traballos necesarios para o bo funcionamento e atención das necesidades requiridas pola candidatura do .gal. Tamén se contratará un servizo de asesoramento técnico especializado para a presentación definitiva da candidatura ante a ICANN.
Por outra banda, a Asociación PuntoGal estará presente en distintas feiras e encontros que se realizarán en Galicia e noutros lugares de influenza do colectivo de emigrantes galegos para promovera a candidatura do .gal.

