No marco do ciclo Camiño ao andar, unhas xornadas de reflexión e diálogo que organiza a Xunta de Galicia dentro da programación do Xacobeo 2010, vaise achegar a Santiago de Compostela nada máis e nada menos que Michel Bauwens, un dos principais teóricos de Internet e das redes peer to peer, que, xunto con outras figuras importantes do panorama internacional da filosofía e o pensamento, abordará os principais aspectos que caracterizan á nova sociedade, entre os que non podían faltar Internet.
Bauwens chegará á capital galega o vindeiro 25 de outubro e ás sete da tarde dará comezo o seu relatorio no CGAC. Na súa intervención, titulada A Xeografía da Afinidade: Procomún neonómada, g-localidades habilitadas e tempo integral, este teórico da Rede de redes abordará os aspectos principais da nova civilización e as súas novas concepcións e experiencias do tempo e do espazo.
A asistencia a este relatorio, ao igual que os demais que compoñen o ciclo (entre os que destacan os filósofos Vincenzo Vitiello e Féliz Duque, o diplomático israelí Schlomo Ben Ami ou Mohamed Metalsi, director de accións culturais) será de balde previa inscrición e as persoas que desexen asistir deberán anotarse na web oficial do ciclo.
Compostela recibirá ao precursor das redes peer to peer, Michel Bauwens
Compartir Este Artigo

