Internet, segundo a última enquisa realizada por TNS para medir o comportamento en liña das persoas, xa é o medio número un do mundo e iso débese, entre outras cousas, ó espallamento das redes sociais, esas ferramentas en liña tan adoradas por uns e tan detestadas por outros que non chegan a ver nelas a utilidade que teñen alén de perder o tempo perante o ordenador.
Segundo os resultados dun Eurobarómetro sobre Internet e as novas tecnoloxías que vén de publicar a Comisión Europea, os españois tamén facemos uso (e en algúns casos abuso) das redes sociais (o 28 por cento participamos nas mesmas) porén estamos situados por debaixo da media europea, que se sitúa nun 35 por cento e moi lonxe de países como Letonia que lidera o ranking cunha tasa de poboación conectada do 57 por cento, ou dos Países Baixos, Dinamarca ou Suecia, cun 50 por cento de conectados ás redes sociais.
A enquisa realizada pola Comisión Europea incluso indica que España é xunto con Alemaña un dos países cun maior porcentaxe de cidadáns e cidadás que nunca se conecta a unha rede social (un 69 por cento), xa que logo, o noso país está situado no posto 22 entre os 27 membros da UE en participación en redes como Facebook, Twitter, Tuenti ou MySpace. Pechando o grupo encontramos a Romanía, con só dous de cada dez enquisados que afirman conectarse a unha rede social.
A nivel europeo, os usuarios de redes sociais conéctanse todos os días (un 29%), dúas ou tres veces por semana (un 32%), unha vez á semana (o 18%), dúas ou tres veces ao mes (un 7%). O resto (un 14%) participa aínda que con menos frecuencia neste tipo de páxinas.
Asemade, o informe tamén indica que os españois pertencemos ao grupo de usuarios máis descontentos coa nosa conexión a Internet, xa que afirmamos que a velocidade e capacidade da conexión a Internet non se axusta ao contrato asinado co seu provedor.
España está á cola da UE no uso de redes sociais
Compartir Este Artigo

