Toca falar de audiovisual galego de vangarda abríndose camiño no mundo. Desta volta presentamos un filme de estimulante título, A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol, que xa está piques de chegar á pantalla grande (o 29 de outubro) non sen antes ter pasado por festivais de primeira liña, como a Seminci de Valladolid, que comeza este 23 de outubro e que constitúe un escaparate de primeira. O filme en cuestión, dirixido por Alex Colls, está a ser presentado pola súa distribuidora, Alta Classics, como a primeira película española de animación en 3D estereoscópico e formato 35mm. Trátase dunha longametraxe para nenos de entre 7 e 3 anos, e dándolle apoio hai un bo número de produtoras (as galegas Abano Producións e Continental e a catalá Anera Films) e algunha que outra institución pública (como o IGAPE ou a Consellería de Economía).
O filme, que se vai presentar o domingo 24 na devandita Seminci (ás 17 horas, nos cines Roxy A da rúa María de Molina), conta as andainas dunha serie de bonecos de trapo, Mumu, Rita, Milo, Talalo, Olga e Alfred, que amais de vivir unha “emocionante aventura” serán quen de ofrecerlles aos máis cativos a “oportunidade de aprender e consolidar valores tan importantes como o de aceptármonos e querernos tal e como somos”.
A Seminci acollerá a estrea de cinema galego de vangarda: o filme en 3D A tropa de trapo
Compartir Este Artigo
