Hoxe en día, se unha universidade con certo prestixio (ao igual que calquera outra entidade pública ou privada) desexa darse a coñecer e mostrarlle ao mundo, concretamente aos seus potenciais alumnos e alumnas, a calidade dos seus servizos, plans de ensino e instalacións, debe contar, case irremediablemente, cunha web funcional e atractiva que reúna nun mesmo espazo virtual a información de interese para calquera público obxectivo.
Para isto, non chega con estar na Rede a disposición do gran público e conformarse con “cumplir” con el, senón que tamén hai que ter en conta ás persoas dos colectivos máis desfavorecidos á hora de acceder ás TIC, como por exemplo as persoas con discapacidade (que é o que nos ocupa neste artigo), e facer a web o máis accesible posible.
Isto, que a primeira vista pode parecer o normal, non ocorre en tódalas universidades nin entidades públicas, e no noso país, malia que avanzamos moito en materia de accesiblidade en liña, aínda nos queda un bo camiño por percorrer a xuízo dos responsables do Informe de Accesibilidade de Portais web Universitarios.
Este estudo, que analiza o cumprimento dos criterios de accesibilidade nun total de 16 páxinas web de outras tantas universidades españolas e a súa evolución dende febreiro de 2006 a maio de 2010, indica que “en comparación cos estudos realizados en 2004 e 2006, o cumplimento dos criterios mellorou”, “se ben –engaden- só catro portais da mostra estudada superan o 50 por cento do éxito de cumprimento”.
En concreto, as webs con maiores niveis de accesibilidade, e polo tanto cualificadas como sitios web moderadamente accesibles son, nesta orde, a das Universidades do Ministerio de Educación (81 por cento de cumplimento) e a da Universidade Complutense de Madrid (cun 72 por cento).
Séguenlle a Universidade do País Vasco (55 por cento de accesibilidade) e a Universidade de Barcelona (54 por cento).
O resto das webs estudadas non superan o 50 por cento do cumprimento dos criterios de accesibilidade, o que supón, segundo o informe, “que ofrecen un nivel de accesibilidade baixo, con bastantes dificultades e barreiras de acceso aos contidos para as persoas con discapacidade”.
A web da USC, a única universidade galega analizada neste estudo, non supera o índice marcado por só 6 puntos, xa que os seus niveis de accesibilidade sitúanse nun 44 por cento, porén é das máis altas entre as “suspensas”.
O informe, realizado por Technosite por encargo da Fundación ONCE, foi elaborado tendo en conta unha serie de criterios como a descrición de imaxes, o etiquetado de formularios, o uso de marcos, código, encabezados, contraste de cor…
As webs das universidades españolas suspenden en accesibilidade
Compartir Este Artigo

