
Todos eles, máis o equipo da organización (Expocoruña) presente no Hotel, tiveron a oportunidade de avanzar os contidos a tratar no salón-congreso, contidos que se articularon a través do debate Implantación dos procesos de internacionalización e innovación no noso país.
A mesa redonda contou tamén con Gonzalo Ortiz (presidente do Comité Organizador de SITE) en tarefas de moderador, quen sinalou a importancia de definir modelos de medre que non estean “baseados no ladrillo” e sexan fornecedores de eficacia, competitividade e sostibilidade no mercado. Ortiz tamén tivo palabras para amosar a envergadura e repercusión, presente e futura, do sector das novas tecnoloxías en España, un eido produtivo que dá emprego a máis de 350.000 persoas nun mercado que supón 100.000.000 euros e que mantén, ademais, un investimento crecente dende o ano 2006. “As empresas teñen que gañar competitividade coa tecnoloxía e acudir a mercados nos que medre o consumo para diversificar o risco daqueles onde diminúe”, comentou, ao que engadiu, facendo referencia ás consecuencias: “Isto dá lugar a empresas globais, coma algunhas das que estarán presentes no congreso SITE”.
José Manuel Valiño, ata a fusión director xeral de sistemas de Caixa Galicia, salientou en Madrid que nos pasados exercicios rexistrouse un medre nos custes operativos das caixas do 7,5% como consecuencia das xestións realizadas para as administracións públicas e destacou tamén a oportunidade de mellora derivada da interoperabilidade tecnolóxica entre ámbolos dous sectores. Un dos grandes impulsores de SITE, Valiño subliñou a presenza no salón de persoeiros como Gabriel Moneo (Inditex), cuxa traxectoria profesional demostra ata onde pode chegar un proceso de internacionalización.
Santiago Segarra, de IBM, centrou unha boa parte da súa intervención na interoperabilidade, á que definiu como “a capacidade para compartir e intercambiar coñecemento e, en especial, na xestión de relacións cos cidadáns, clientes, empregados, colaboradores e administracións”. Ao seu xuízo, a colaboración entre banca e administracións, en aplicación do principio de beneficio mutuo e lealdade, permite desenvolver solucións informáticas con gran pulo económico de xeito que a diminución dos custes de transacción non só supoñen eficacia dende o punto de vista produtivo, senón que ten un gran impacto social ao chegar ata a cidadanía, respectando principios como o da protección da privacidade.
Antonio Carrascosa, pola súa parte, centrou o seu relatorio na relación entre crise económica e regulamento financeiro. Sinalou tamén algúns desequilibrios que motivaron o parón produtivo e varias razóns para sermos positivos: “Os axustes de capital promovidos polo Comité de Supervisores Bancarios Basilea 3 significarán unha meirande esixencia do capital bo e de reservas e a mellora da calidade dos recursos propios que actúe de colchón perante posibles perdas”.
Blas Calzada, na súa intervención, salientou o papel das novas tecnoloxías da información no futuro como “elementos clave para a mellora na produtividade”. Ao seu xuízo, as novas canles e recursos do coñecemento poderán ter efecto positivo mesmo nas sociedades industriais e agrícolas, grazas ao emprego de robótica, que poderá reducir os custes da man de obra en moitos aspectos. No seu punto de vista, hai tres elementos básicos no camiño da innovación: TICs, prevención e sanidade e revolución na investigación de materiais. “Este contexto de importancia da tecnoloxía”, sinalou, “é clave para definir o desenvolvemento que se lle desexa dar á sociedade de xeito que regulación sexa útil no logro deses obxectivos”. Calzada tamén incidiu en que non se debe regular o que non serve para nada e que unha carencia actual é que en moitos casos non existen sistemas que permitan avaliar os riscos aos que nos enfrontamos. Ao seu xuízo, non existe un sistema mundial de contabilidade nin están afianzados os elementos que nos acheguen unha visión de futuro ao falar de regulación.
Quen está detrás de SITE?
Organizado por Expocoruña e promovido pola Xunta, a Cámara de Comercio da Coruña e Caixa Galicia, a primeira edición de SITE conta co apoio dun salientable grupo de empresas e entidades integradas nos seus comités organizadores e de honra, como por exemplo a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Cluster TIC, o Banco Pastor, Credit Agricole, o operador galego R ou a multinacional galega Inditex.
Relatores do SITE avanzan en Madrid os principais temas a tratar no salón tecnolóxico galego
Compartir Este Artigo
