A Deputación de Lugo e máis a Universidade da Coruña presentaron esta semana unha investigación feita sobre a protección de datos persoais nos concellos da provincia, un estudo que a xuízo das dúas entidades permite afondar na situación na que se atopan as entidades locais neste eido, agora que unha boa parte da información que manexan é dixital (e en breve, a intención é que toda sexa dixital). Segundo se fai saber no informe, a privacidade en materia de información da cidadanía é fundamental nestes tempos, nos que as sancións polo uso indebido de aquela implica cantidades millonarias que oscilan entre os 600 e os 600.000 euros. Na investigación tamén se fai saber que a Deputación de Lugo é o primeiro organismo provincial de España que realiza unha análise desta envergadura, un material que serve para guiar aos concellos no control e xestión dos datos (padrón de habitantes, censos electorais, catastros), evitándolles unha responsabilidade económica.
O estudo, como dixemos, vén a conto pola importancia que se lle está a dar na actualidade á protección de datos, un tema de fondo debate público e xurídico que abrollou con forza nas investigacións do caso Gürtel ou cada vez que hai un roubo de información persoal nas redes sociais tipo Facebook, prácticas por desgraza cada vez máis habituais. “Son cuestións”, sinalou na presentación do estudo o presidente da Deputación de Lugo (José Ramón Gómez Besteiro), “que nos abren un horizonte de modernidade, e no que se debe buscar a preservación dos datos en relación ó dereito constitucional recoñecido, a intimidade. A Deputación quere ser unha vez máis a vangarda en relación coa protección de datos”.
Datos máis significativos
O coordinador do estudo explicou a metodoloxía que seguiu o equipo multidisciplinar de investigación da Universidade da Coruña para a realización da diagnose. Presentouse o proxecto en tres localidades: Monforte, Lugo e Foz co obxectivo de coñecer a situación nas tres zonas da provincia: norte, centro e sur. Neste senso, informou, en canto ó volume de inscrición dos ficheiros na administración pública, no terceiro trimestre de 2010 o número foi de 106.000, dos que máis do 50% corresponden a entidades locais, principalmente Deputacións e Concellos. Por provincias, en Lugo existen 63 entidades que inscribiron os seus ficheiros, é dicir, 488, o que dá unha media por entidade de 7,67. “Se isto se compara co resto de España, o grado de cumprimento é do 92,65%, é dicir, Lugo sitúase moi por encima da media estatal, que está nun 60%”, fíxose saber na presentación.
Asemade, engadiuse, o 32% dos Concellos dispón dunha inventario interno con datos de carácter persoal tal e como establece o marco normativo e un 30% publica a creación dos seus ficheiros con datos de carácter persoal no Boletín Oficial da Provincia ou no diario oficial. Neste caso, a Deputación publica o 100% dos ficheiros, axustándose correctamente á lexislación vixente.
Polo que respecta ás medidas de seguridade que están documentadas, un 27% tenas e un 50% non. Só un 12% dos Concellos realizaron a auditoría de seguridade. En canto á externalización dos datos un 70% si o fixo. Asemade, o 4% non cumpre coa obriga de segredo profesional respecto ó tratamento de datos de carácter persoal como por exemplo: deixar claves de acceso informático á vista ou tirar documentación á papeleira con datos persoais, e un 25% dos Concellos só informa ás persoas interesadas do tratamento de datos e dos seus dereitos.
A Deputación de Lugo avaliou polo miúdo os sistemas de protección de datos nos concellos da provincia
Compartir Este Artigo
