Na actualidade, ata 440 centros de saúde da nosa Comunidade, que cobren ao 98 por cento da poboación galega, dispoñen xa de acceso á historia clínica electrónica e 380 están integrados no proxecto de receita electrónica, con 1.358 oficinas de farmacias conectadas.
Todo elo, segundo informan dende a Consellaría de Sanidade, supón “que o 87 por cento da poboación (un total de 2,4 millóns de cidadáns) benefíciase da receita electrónica”
Porén os deberes aínda non están todos feitos e ese 87 por cento de cidadáns e cidadás que se benefician actualmente das vantaxes da e-receita, debe converterse nun 98 por cento a comezos do ano 2011.
Así o vén de explicar a secretaria xeral da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez Castellanos, quen engadiu que ao longo dos próximos meses “farase a incorporación progresiva do resto de centros nos que non hai imposibilidades técnicas, despois de realizar a formación dos profesionais no novo sistema”.
Botando unha ollada aos datos de abril de 2009 (cando tan só 26 centros de saúde e o 7 por cento das farmacias estaban incluídos no proxecto de receita electrónica), é evidente que tanto a Consellería de Sanidade como o Servizo Galego de Saúde teñen realizado un gran esforzo por asegurar a incorporación das tecnoloxías da información e a comunicación na rede de centros de saúde galegos e a día de hoxe pódese dicir que a cobertura das TIC na nosa sanidade é óptima.
Galicia conta na actualidade con oito centros de procesamento de datos: un central e sete nos centros hospitalarios das áreas sanitarias que actúan de nodos para o servizo dos centros da súa área de influencia. Os oito centros constitúen unha rede troncal de alta dispoñibilidade e capacidade replicada con dúas tecnoloxías distintas; e os centros de saúde conéctanse, á súa vez, a esa rede troncal tamén a través de dúas tecnoloxías distintas (ambas activas) para asegurar a máxima dispoñibilidade nas comunicacións.
Segundo a cobertura proporcionada polo operador, explicou a secretaria xeral, a provisión de servizos pode facerse por fibra óptica, punto a punto ou por ADSL. Ademais, algúns dos centros comunícanse por radioenlaces. “Isto significa ter a 594 centros sanitarios de todo tipo conectados, e a inmensa maioría dos centros de saúde con acceso a historia clínica electrónica”, observou.
Na actualidade, engadiu, “o despregue de fibra óptica chega a todas as cidades e, polo tanto, a todos os centros hospitalarios e tamén a 57 centros de saúde. A inmensa maioría dos centros de saúde do Sergas dispoñen dun ancho de banda suficiente para soportar a historia clínica electrónica, se ben hai seis con problemas de ancho de banda para receita electrónica e 25 sen posibilidade de receita electrónica, situados en zonas rurais; situación que afecta tamén a 57 oficinas de farmacia”.
Neste senso, Sagrario Pérez sinalou que “a resposta deste Goberno é clara neste aspecto, habilitando un plan de banda larga, cunha forte inversión prevista de 102 millóns, na que a sanidade goza da maior das prioridades”.
A receita electrónica chegará a preto do cen por cento da poboación galega en 2011
Compartir Este Artigo

