
Segundo dá a coñecer na súa web e nas redes sociais (Facebook e Twitter) a Asociación para o Progreso da Dirección (entidade organizadora), o encontro conta coa presenza de importantes persoeiros dos eidos da política e os negocios a nivel galego e estatal, entre os que se contan o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feiijoo (encargado do acto de apertura), o presidente de APD, José María Aguirre, o presidente do BBVA, Francisco González, a presidenta de Microsoft España, María Garaña, e o presidente de Coca-Cola España e Portugal, Marcos de Quinto.
Como espazo complementario aos diferentes paneis que constitúen a Convención, e que se poden ver detallados no pdf do programa, APD habilitou a disposición dos executivos a área After work, un espazo no que os participantes poderán realizar diferentes actividades de carácter lúdico destinadas a promover o traballo en rede (networking), interactivas e participativas. Os asistentes á xuntanza, informa APD, tamén terán a oportunidade de experimentar, por vez primeira, a nova aplicación Microsoft Surface, que permite o manexo dun computador a través do tacto, os xestos das mans e mesmo co efecto de obxectos físicos emprazados sobre a pantalla.
Asemade, poderán xogar ao golf grazas a Qurius Green, unha reprodución a escala en moqueta dun campo real habilitado para este deporte. O espazo After Work complétase coa mostra Galiciadixital, da Secretaría Xeral de Medios, un recinto para o lecer dixital no que se ofrecen, entre outras moitas cousas, visitas virtuais á Catedral de Santiago e mesmo a posibilidade de manexar o botafumeiro. Amais de todo isto, firmas galegas de primeira liña como a operadora R ou Estrella Galicia patrocinan cadanseus espazos dirixidos a impulsar o traballo en rede entre os asistentes á Convención.
Máis de 1.500 directivos reúnense ata mañá en Santiago para traballar en rede contra a crise
Compartir Este Artigo
