Unha xustiza máis informatizada, un sistema de identificación virtual do gando ou a estensión das aulas da rede CeMIT a uns 53 concellos de Galicia, foron os temas máis importantes tratados na última reunión do Consello da Xunta, celebrada esta mesma maña, na que o presidente do Executivo, Alberto Núñez Feijóo, mostrou a súa satisfacción ao dar, segundo informou, “un paso máis” no compromiso do Goberno galego coa implantación da administración electrónica e, por ende, coa innovación e a modernización tecnolóxica de Galicia.
De feito, o acordo sobre a estensión das aulas CeMIT, aprobado hoxe, supón a implantación de novas aulas tecnolóxicas en 53 concellos de Galicia, nos cales a Xunta dotará de equipamento informático, porá a disposición dos usuarios un catálogo de actividades e pagará o 80 por cento do salario dos profesionais técnicos que traballen nestes centros.
Pola súa banda, aos concellos correspóndelle poñer a disposición da rede un local e encargarse do seu mantemento.
A rede, en palabras do propio Feijóo, servirá para que a Xunta e os concellos avancen nun obxectivo fundamental: “seguir achegando as tecnoloxías aos concellos con maior fenda dixital e seguir impulsando a tecnoloxía como un instrumento clave para gañar competitividade”, tanto na educación, como no ámbito empresarial ou coa poboación.
Núñez Feijóo tamén se referiu ao convenio asinado hoxe entre a Xunta e a empresa pública Red.es para investir 1 millón de euros na implantación de novas infraestruturas TIC no ámbito xudicial en Galicia.
Entre outras melloras, este investimento permitirá poñer en marcha novos servizos tecnolóxicos nos xulgados galegos, tales como ferramentas electrónicas para os usuarios; a dixitalización da información procesual; a posibilidade de realizar videoconferencias para a toma de declaracións de fiscais e xuíces…
No tocante á formación do persoal da Administración de Xustiza en materia tecnolóxica, o xefe do Goberno galego apuntou que as actividades formativas se incrementaron nun 87 por cento, casi o dobre que o pasado ano, e que as horas lectivas aumentaron nun 24 por cento, das que un 30 por cento son de modalidade presencial e o 70 por cento restante de teleformación.
Segundo sinalou, isto supón a implantación de preto de 3.300 prazas de formación no ámbito da xustiza das que o 60 por cento están dedicadas á formación no funcionamento da Oficina Xudicial.
Por último, no eido do medio rural e tamén vinculado ás novas tecnoloxías, Núñez Feijóo deu conta do decreto aprobado hoxe polo que se regulan as entidades identificadoras de gando bovino, ovino e cabrún e o seu rexistro oficial.
Deste xeito, a partir de agora os gandeiros poderán identificar as súas reses de forma telemática a través da Oficina Agraria Virtual, a maiores do servizo de atención telefónica da Xunta para quen aínda non dispoña de acceso a Internet.
Isto permitirá que o gando poida ser identificado directamente polo propio gandeiro ou ben a través de entidades como cooperativas ou agrupacións de empresas e servizos veterinarios.
Este sistema será de balde a partir de agora e traducirase nun aforro de cinco millóns de euros para a Administración pública.
A Xunta dá un paso máis na modernización tecnolóxica dos Concellos
Compartir Este Artigo

