Nun entorno de crise como é o actual, o modelo de Cloud Computing preséntase, segundo apuntan dende a Fundación Empresa Universidad Gallega (FEUGA), “como unha opción máis que válida para que empresas e particulares poidan acceder á tecnoloxía a medida reducindo notablemente os seus custes”.
Esta entidade, que foi a encargada de organizar o último foro sobre sobre cloud computing celebrado en Santiago de Compostela, xustifica esta afirmación apuntando que, con este sistema, “o usuario só paga en función dos servizos que empregue”.
Baixo este argumento de partida, FEUGA vén de presentar a última publicación do Future Trend Forum (FTF) un foro de expertos internacionais da Fundación da Innovación Bankinter, cuxas conclusións serán presentadas por Reza Malekzadeh, vicepresidente de marketing de Nimbula.
Malia que non existe un consenso en torno á súa definición, a idea fundamental que reside tralo modelo cloud computing é que calquera cousa que poida facerse en informática pode trasladarse á nube, é dicir, á Rede; en consecuencia, calquera usuario pode acceder a esa información que reside en Internet dende todo tipo de dispositivos electrónicos (ordenadores, PDA, móbiles…).
Este informe presentado por FEUGA, que consiste basicamente nun completo diagnóstico do emprego da tecnoloxía cloud, analiza a súa funcionalidade e repercusión en escenarios tan amplos como o sector público, as empresas e o seu impacto na educación, o medio ambiente e os diferentes sistemas de consumo de tecnoloxía…
Segundo o informe, a redución de custes que propicia o modelo cloud computing, abarata e faille máis accesible a informática, entre outras entidades, ás pequenas e medianas empresas, e permítelles competir ao mesmo nivel tecnolóxico que as grandes organizacións, o que á súa vez, “propicia a innovación”.
Paralelamente, o cloud computing promove a colaboración e os sistemas abertos como o crowdsourcing, o que redunda, tamén, nun incremento de proxectos innovadores.
En resumidas contas, os expertos do FTF (autores do estudo) coinciden en apuntar que o auxe da nube “vén impulsado por un crecemento tecnolóxico ao que xa se sumaron empresas como Google, Microsoft, Salesforce, IBM ou Amazon, é dicir, os principais provedores”.
FEUGA aposta polo Cloud Computing para obter tecnoloxía á medida
Compartir Este Artigo

